Onte 1907: Presentación en Rianxo da biografía de Manuel Antonio preparada por Xosé Luís Axeitos
Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro, presentou onte no Auditorio de Rianxo diante dun cento de persoas Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía a biografía documentada e referencial de Xosé Lúis Axeitos sobre o autor de De catro a catro. Unha obra que Angueira comezou cualificando de extraordinaria, «un traballo que pon o ramo a toda a obra do profesor Xose Luís Axeitos sobre Manuel Antonio, despois da edición da poesía, da prosa e do epistolario». «Un ramo marabilloso, xa que o intelectual Axeitos ofrece un tipo de biografía pouco convencional, unha biografía de estrutura fragmentaria na que documenta de forma exhaustiva a vida dunha persoa, o que permite o achegamento máis cabal á figura do poeta Manuel Antonio».
A seguir, Angueira foi debullando as diversas mareas que Axeitos ofrece sobre a figura de Manuel Antonio. En primeiro lugar sinalou a de Rianxo, a vila onde naceu, mais na que case non viviu, xa que o fixo tamén en Padrón, Vigo e Compostela. «Practicamente non viviu aquí, mais Rianxo é a capital literaria de Manuel Antonio, a súa paixón literaria, o epicentro da súa vida. Aquí esta a súa xeración, a de Dieste e a dos primos de Castelao. Mais Rianxo non é só unha paisaxe física, é sobre todo unha paisaxe humana, aquí esta o mundo que el ama». Angueira identificou na familia a segunda marea da biografía: «no libro hai unha documentación moi exhaustiva sobre a familia, tanto sobre os Pérez como sobre os Sánchez, na que sobrancea a figura da nai coa que o poeta, a pesar da distancia ideolóxica, mantén un fío de unión ao longo de toda a súa vida». Identificou a terceira coa da formación, iniciada na escola de Padrón, instalada na mesma casa onde se criou Rosalía de Castro coa súa nai, continuada en Compostela, onde asinou o pacto de sangue co galeguismo e defendou o monolingüismo galego, e finalizada en Vigo onde estudou na Escola de Náutica.
Angueira identificou como marea determinante en Manuel Antonio a navegación por todos os mares literarios: «admírame a disciplina individual deste mociño que dende Asados está atento a todo o que pasaba no mundo, gardando todo con enorme disciplina». Particular importancia concedeu Angueira a marea de Manuel Antonio navegante, recollida nos seus diarios de navegación, «sobre todo o que escribiu a bordo do paquebote Cándido Candeira, un barco marabilloso dedicado ao transporte de madeira dende Camposancos a portos do Mediterráneo, máis tamén do transatlántico holandes Gelria e o pesqueiro Arosa». Detívose tamén Angueira na marea dos compromisos éticos de Manuel Antonio: «ao principio foi agrarista, despois nacionalista permanentemente, dos da estreliña». «Manuel Antonio asumiu encrucilladas políticas e estéticas, mantivo polémicas con Castelao sobre o papel da arte popular e sobre todo co grupo de galeguistas de Ourense, cos que nunca se entendeu, chegando a formar un grupo secreto que bautizou como “Rexurdimento”». «Na biografía tamén se aborda a enfermidade, explicándose como a adquiriu e coa discreación e dignidade coa que a enfrontou, non facendo nunca da súa doenza unha materia literaria».
Rematou o seu discurso Angueira facendo fincapé na importancia de dous documentos literarios extraordinarios, o manifesto Máis alá! e o libro De catro a catro. «Manuel Antonio pretendeu facer unha literatura grande, afastada de calquera ruralismo. A súa obra foi secuestrada durante un tempo, mais por ventura agora pode ser lida libremente. Mais a pesar do maltrato que recibiu nunca se puido secuestrar o seu rumbo. Manuel Antonio estivo aí e estará no futuro da literatura galega. estivo cando a Nova Narrativa tantaba abrirse camiño e Gonzalo Mourullo escribe a «Carta a Manuel Antonio». Estivo no 79 cando os membros do grupo Rompente reclamaron «Fóra as vosas sucias mans de Manuel Antonio». Como estivo en 2002 cando se crearon as Redes Escarlata. Manuel Antonio foi unha figura rebelde, imprescindible».
Na súa intervención, Xosé Luís Axeitos definiu a súa obra como «unha biografía documentada en forma ensaística, na que eliminei todo o aparato crítico académico coa pretensión de facilitar a lectura», «renunciei a ofrecer moita da información que tiña, sendo consciente sempre que as biografías as fan cada un dos lectores, razón pola que nunca son definitivas». O autor confesou que manexara a documentación do arquivo da Fundación Barrié, mais que tamén consultara a do arquivo diocesano, a da Escola de Náutica de Vigo ou a do arquivo militar intermedio do Noroeste. Agradeceu, ademais, as achegas de informantes principais, como Martín Gómez González, Segismundo Zúñiga, Ramón Rodríguez Sende, Teresa Tubío, Estanislao Carou, Manuel Agrelo Figueira, Maria Luz Agrelo e Asunción Resúa.