Artigos

Onte 1033: Kid Reigosa

Carlos-Reigosa-Kid-Salvaxe-memorias_TINIMA20140711_0754_5

Acompañei onte a Carlos Reigosa na presentación en Compostela de Kid Salvaxe, o seu primeiro libro de poemas. O escritor da Pastoriza comezou confesando que con dezasete ou dezaoito anos, cando chegou a Madrid, ía ao ximnasio do Palacio de Deportes onte tiña compañeiros como os boxeadores José Legrá e Velázquez. «Eu nunca pelexei, xa que sei que non tendo fame o boxeo non ten sentido. Porén, para min as imaxes máis poéticas da vida son as boxísticas. Todos os días temos que nos enfrontar con algún rival. O boxeador comeza o combate coa cara limpa e acaba como a vida, coas marcas dos golpes. Iso foi o que representou Miguelanxo Prado de marabilla na imaxe da cuberta do libro».

Continuou Reigosa dicindo que «son un prosista, un narrador, non son poeta, a pesar de que fixen poemas en galego toda a vida, aínda que até agora nunca fixera nada por publicalos». »Este Kid Salvaxe está condicionado pola morte do meu pai, razón polas que os poemas están cargados de pasado, creo que hai textos de gran vitalidade, máis cargados todos de memoria». «Son consciente que vivín aqueles tempos nos que a poesía estaba cargada de futuro, con voces como as de Celaya, Ferreiro ou Blas de Otero, poetas aos que coñecín en Madrid». «Como sei, tamén, que a poesía ten algo de confesional. Son consciente que Os outros disparos de Billy, aqueles aforismo escritos como poemas en prosa, estaban cargados de futuros, onde estaba moi presente a música de Bob Dylan».

A seguir dixo Reigosa que «Kid Salvaxe ten unha unidade, a que lle proporciona a idea de que vida non está ben feita. Isto é mellorable». «Sei que Kid Salvaxe mantén un fío con Oxford, amén, a miña primeira novela, onde se propoñía cambiar todo e se sabía como facelo. No entanto, sendo o autor e o mundo o mesmo, en Kid Salvaxe hai un entusiasmo distinto, outra ollada». Antes de ler uns cantos poemas do libro, resumiu Reigosa: «creo que os poemas teñen unha harmonía das visións desconcertadas, froito dun estado de ánimo consecuencia da experiencia persoal». Na quenda de preguntas, Carlos Reigosa lembrou as bágoas de Celso Emilio Ferreiro despois de escoitar recitar o seus poemas ao xornalista cordobés Felipe Mellizo.