Onte 1570: Mary Quintero no Foro Foto do Ateneo de Pontevedra
Acompañei onte a Mary Quintero na conferencia que ditou no Foro Foto do Ateneo de Pontevedra. Unha lección magnífica sobre o retrato de estudio e a súa evolución nas últimas seis décadas, ao fío das mudanzas da tecnoloxía fotográfica, dende o branco e negro e as técnicas de retoque de cor, pasando pola aparición da cor e do proxector de fondos, até as máis recentes da fotografía dixital. Ao longo de máis dunha hora, acompañando a proxección das fotos incluídas no libro que publicamos en Xerais, Mary Quntero demostrou que todas esas mudanzas técnicas supuxeron para ela novas posibilidades creativas e artísticas. Non obstante, fose nos retratos de mulleres da súa primeira exposición no Círculo das Artes de Lugo en 1950 ou nas fotos dixitais máis recentes en exteriores, a fotógrafa viguesa sempre acreditou na importancia da composición e na arquitectura da luz, os dous elementos dunha boa foto. A preocupación pola luz, que é o mesmo que dicir a súa alma de artista, alumeou a vida profesional desta muller pioneira e rebelde. Na quenda de preguntas confesou que tamén fotografara nus femininos, que os anos oitenta foran os seus preferidos e que na actualidade os seus maiores intereses artísticos eran a pintura grosa e a fotografía de exteriores.