Listado de la etiqueta: filba

Onte 1652: Ledicia e melancolía no día do libro

CguwsDdWYAABzxH

A pesar de que o Día do Libro en Galicia non entrou aínda a formar parte da axenda pública, o de onte foi bastante cumprido para nós. Ao mediodía, de camiño á nosa libraría, atopamos aos membros do equipo do goberno vigués e do seu partido lendo textos literarios nas escaleiras do Marco. Caballero elixiu un fragmento de Macbeth, que leu primeiro traducido en castelán e logo na versión orixinal. O concelleiro de Cultura leu un anaco do Quixote, como tamén o fixo o primeiro teniente alcalde. A concelleira de normalización lingüistica escolleu a Celso Emilio Ferreiro e a de Servizo Sociais a Rosalía de Castro. A concelleira de Educación e o deputado Abel Losada escolleron poemas de Manuel María, a quen se homenaxeaba na Casa Galega da Cultura cunha lectura popular da súa obra. Xa en Librouro fixemos unha boa cola para pagar nun sábado moito máis animado do que é costume. Alí souben dos Premios da Crítica para o O último día de Terranova de Manuel Rivas en narrativa e para O deserto de María do Cebreiro en poesía, sen dúbida dous grandes libros literarios.

CguzPWKW4AAZaMqDespois de xantar collemos o tren para a Coruña onde presentamos na FNAC Tártarus, a novela de Antonio Manuel Fraga que publicamos en Fóra de Xogo. Alí coñecimos que o Losada Diéguez de creación fora para Un animal chamado Néboa, o libro de relatos sobre a guerra de Ledicia Costas, que horas antes coñecera que o 10 de xuño recibirá o premio concedido pola Consellaría de Educación como a autora máis lida nos Clubs de Lectura das Bibliotecas Escolares. Un día do libro emocionante e inesquecible para Ledicia Costas, que viviu en Buenos Aires, xunto a outros autores e autoras que representan a nosa literatura na FILBA.

Ao longo do día chegaron mensaxes do San Jordi, onde asinaron exemplares Diego Ameixeiras e Pedro Feijoo. Souben que Pedro asinou unha das súas morenas ao arcebispo de Barcelona, o que sen dúbida,constituirá un fito na súa carreira literaria. Xaora, nesta extraordinaria festa dos libros barcelonesa a participación do libro galego foi inferior a outras edicións, o que debería obrigarnos a reflexionar ao conxunto do sector do libro en Galicia, incapaz de compartir unha estratexia potente de visibilización no seu mercado interior nin da súa proxección no exterior. Ledicia e melancolía para outro día do libro.

A marabillosa ilustración é dun mural de David Pintor no Porto.