Artigos

Onte 661: «Faneca Brava» en Vigo

Excelente o serán na Feira do Libro de Vigo no que Manuel Portas presentou Faneca Brava, Manuel Rivas fixo unha lectura d’ As voces baixas e Elena Gallego asinou exemplares da súa triloxía Dragal.  As presentacións dos libros dos manueles constituíron senllos alicientes para moitas persoas para as que a carpiña da Alameda quedou moi pequena.

Foi Ramón Nicolás quen presentou Faneca Brava que comezou cualificando como «unha ficción escrita con maiúsculas». Salientou despois aspectos que consideraba comúns con respecto ás novelas anteriores de Portas, como a importancia da arquitectura e das relacións de amizade ou consaguinidade que establecen os personaxes. «Portas non opta por unha ficción historicista. Até agora todas as súas ficcións foron moi contemporáneas, protagonizadas por personaxes de carne e óso. En todas introduciu unha dosificación da intriga e de certo nivel de suspense como elementos que axudan a soster o interese do lectorado». A continuación, sinalou Ramón Nicolás os elementos que entendía principais en Faneca Brava. Primeiro: «a construción dunha saga familiar con arrecendo e precedentes en autores como Otero Pedrayo e Carballo Calero». Segundo: «o respecto ao tratamento á figura da muller e a presenza de moitos personaxes femininos». Terceiro: «a figura da voz narradora, que o autor domina moi ben, como un recurso que vai dando frescura, veracidade e movemento , para chegar a un final explosivo, un clímax, unha catarse, que permite a reconstrución da memoria familiar e colectiva». Rematou o seu discurso Nicolás cualificando Faneca Brava como »un libro chamado a perdurar». «Manuel Portas é un escritor que escribe con claridade, talento e con vontade de que lean».

Pola súa banda, Manuel Portas comezou a súa intervención sinalando que consideraba Faneca Brava como unha novela diferente ás dúas anteriores. «En Faneca Brava hai unha espiña central constituída pola historia dunha muller que lle tocou vivir unha etapa moi dura, a infancia na metade do franquismo, na que sufriu os problemas daquel tempo e o feito de ser muller. Concha Pereira padece pola súa beleza, polo seu espírito rebelde, que a leva a non calar, a reaxir fronte a sociedade que lle tocou vivir». Referiuse despois a Arousa, Compostela e Barcelona como os tres puntos do seu topos vital, presentes tamén nesta novela, e ao seu «atrevemento» a escribir aos cincuenta anos. «A esta idade non abonda co chispazo dunha boa historia. É tamén o momento de construír unha arquitectura. De novo quixen ser arquitecto. Na primeira novela, Denso recendo a salgado, xoguei coa estrutura do tempo. Na segunda, Un dendo manchado de tinta, xoguei como Pirandello cos personaxes. Nesta terceira quixen facelo coa narración, coa gradación da información, cos puntos de vista. Fíxeno para abordar a biografía dunha muller muller considerada como a ovella negra do seu entorno familiar. A polifonía resultaba necesaria para transmitir a idea de que a realidade non é única, fun engorsando a historia para facela verosímil, así como introducindo unha tensión para manter o interese da narración». Rematou Portas desculpando que na obra non se fixese máis referencia «á importancia da música, especialmente a de Fausto».