Artigos

Onte 1011: Galeuscat

19-06-2014

O presidente da Xunta compartiu co lehendakari e o presidente da Generalitat a bancada de convidados do acto de proclamación de Filipe VI. Unha fotografía que pasará á historia como mostra da corrección institucional de Mas e Urukullu, mais na que nós identificamos tamén que o futuro de Galicia, como comunidade histórica que é, dependerá tamén do proceso político en marcha aberto polos gobernos catalán e vasco. O feito de que El-Rei no seu discurso nomease a Antonio Machado, Salvador Espriu, Gabriel Aresti e Daniel Castelao, así como que expresase un recoñecemento das »linguas cooficiais», non foi inocente, xa que, sen dúbida, estas mencións de figuras literarias vinculadas á memoria republicana ían dirixidas a eles dous, aos gobernos que presiden e ás cidadanías que representan. Galicia, por fortuna, como ben sabe Feijoo, non poderá quedar allea ao que suceda no futuro en Euskalherria e Cataluña. Eis a oportunidade que para Galicia supón o modelo Galeuscat no proceso (para min) inevitable de mudanza comezada, sexa «nova transición» ou (ogallá) proceso (re)constituínte, como propón Suso de Toro.

Onte 43: Construír a paz

Cando coñecín a noticia veume a cabeza decontado o sorriso de Suso Jares, alguén para quen estas serían unhas horas de esperanza. O anuncio de ETA do cese definitivo da súa actividade armada abre unha oportunidade para construír a convivencia no País Vasco dende a cultura de paz. Eis o grande reto que deben saber xestionar con prudencia e afouteza o  goberno tras as eleccións do 20-N como todos os partidos vascos, xa sen excepcións de clase ningunha. Esta é a hora da cultura da paz, este é o momento do protagonismo do diálogo e da mediación como accións transversais capaces de chegar a todos os espazos da sociedade de Euskalherría, con especial incidencia aos educativos, institucionais e, sobre todo, aos políticos. No entanto sabemos que non vai ser doada nin a reparación da dor das vítimas nin o proceso político que leve á disolución da organización terrorista, cuestións que en Irlanda custaron máis dunha década de esforzos ser superadas. Nin tampouco o será a necesaria reconciliación, baseada na construción dun relato común sobre o acontecido nestas décadas, de xeito que atenda á memoria das vítimas e sexa capaz de erradicar tanto sufrimento encistado en moitas familias vascas. Como non será doado superar as interferencias provocadas pola intolerancia dos sectores (sabemos que minoritarios, mais influíntes) produtores de odio, incapaces de asumir as consecuencias da irreversibilidade deste proceso. Este é, como acuñou Suso Jares, o momento de construír a paz dende a cultura da paz.