Campo do Fragoso CXXXIX
Jorge Valdano definiu un equipo como «un estado de ánimo». Utilizando o exemplo dun club de fútbol, referíase así á importancia do estado emocional de cada unha das persoas que forman o grupo (xogadores, técnicos, directivos e seareiros), no que inflúe tanto a intelixencia emocional de cada unha delas como o estilo de dirección e de conduta do seus líderes (especialmente, do adestrador e da presidencia).
Esta referencia ao filósofo arxentino do fútbol é útil hoxe para interpretar o que sucedeu no Celta desque na primavera pasada evitou o descenso in extremis. A comunidade celeste deulle a volta ao seu estado de ánimo coma a dun carpín, un feito no que foi determinante a ilusión provocada pola fichaxe de Luis Enrique, un adestrador que prometía recuperar o «xogo bonito» e a intensidade táctica da que o equipo carecía dende as mellores tempadas de Fernando Vázquez. Porén, a ilusión xerada pola chegada do asturiano transformouse axiña en perplexidade pola coidada dosificación dos seus silencios (non concede entrevistas), virada en preocupación pola ausencia de gol nos partidos de pretempada e, xa na pasada semana, en aberta decepción cando se soubo que non contaba con Andrés Túñez, un dos patrimonios e insignias do Celta actual.
Tras o excelente debut fronte ao Espanyol, no que se percorreu a escala toda dos diversos rexistros do estado de ánimo, a comunidade celeste ten razóns abondas para recuperar o entusiasmo. Da prudencia dos minutos iniciais, o equipo de Luis Enrique pasou a unha excitación ofensiva dirixida polas biqueiras de Álex López, cuxa verticalidade asoballou aos cataláns, proxectando balóns sobre Charles, quen se amosou coma un mestre do xogo de costas e da apertura de espazos. Excitación á que non foi allea un atrevido patrón de xogo, baseado na colocación de Oubiña coma unha rolla que apoia a mobilidade dos centrais. Luis Enrique dispón ao resto do cadro para o ataque puro e duro, dende os laterais, que dobran con cadanseu extremo (Toni con Nolito, Mallo con Augusto), até a parella de medios, Krohn-Dehli e Álex López, cuxo xogo imprime un grao máis de velocidade e intensidade ao que estabamos afeitos na pasada tempada.
A excitación transformouse nun estourido de ledicia coa chegada do gol, nun momento ideal, a piques de rematar a primeira parte. Álex López, en estado de graza, colleu as costas aos rivais e cruzou un xutazo, aproveitando un servizo marabilloso de Krohn, o mestre do pase medido. A ledicia desbordou en euforia, no primeiro minuto da reanudación, cando Charles cabezou á rede un centro perfecto, outra vez do internacional dinamarqués. Unha cabezada cunha fasquía de obra de arte, da que había tempo non gozabamos en Balaídos. A bancada acougaba, o partido semellaba feito.
Mais a euforia transformouse en prudencia. Poucos minutos despois os cataláns acurtaron distancias, cando atoparon unha fenda nunha defensa nosa adiantada un paso de máis. Coa saída a lameira de Rafinha a prudencia revolucionouse en entusiasmo, un delirio electrizante tras dúas xogadas memorables do elegantísimo brasilego. Porén foi nestes minutos dun Celta asoballante e intenso, cando se coceu a igualada. Un lamentable erro de concentración de Fontás abriu unha autoestrada para que Thievy superase con facilidade a un moi inocente Yoel. Decepción tremenda, que case deu paso ao medo polo partido, mais que se transformou en abraio cando, a falta de dous minutos, Casilla voou para evitar que entrase pola escuadra a cabezada de Cabral. Con semellante vertixe de rexistros de estados de ánimo, propia da montaña rusa, o partido para a bancada pasou nun plis plas. Unha gozada.
O Celta de Luis Enrique ofreceu grandes momentos, que abren grandes esperanzas. Mais tamén amosou importantes carencias de axuste defensivo, sobre todo pola banda esquerda e cando procura situacións de superioridade. O equipo non atopou a súa homeostase, ese equilibrio interno e externo imprescindible, entre o que sucede dentro e fóra da lameira, que pode facelo temible en calquera estadio. O equipo de Luis Enrique promete, mais semella precisar axustes e reforzos. Entre os que debería estar que o adestrador recuperase a Túñez para o proxecto. Sería un exercicio de autocrítica que contribuiría a consolidar o seu papel de líder do equipo.