Listado de la etiqueta: eroski

Onte 2049: «Eroski/Paraíso»

Emocioneime onte na presentación nos Multicines Norte de Eroski/Paraíso, esoutra proeza de Jorge Coira e Xesús Ron. Unha «comedia underground», como foi definida polo director chairego nas súas primeiras palabras, que afonda nas orixes do desarraigo e do alleamento da xeración nosa, a dos galegos e galegas que temos hoxe entre 5o e 65 anos. Unha película que completa nas pantallas o pack de Chévere da súa exitosa peza teatral, cuxo texto pode lerse no libro editado por Kalandraka. Ao remate da proxección, Coira confesou das dificultades de meter o cine dentro do cine, un proxecto sempre arriscado, máis aínda cando a peza teatral introducía o cine na escea. Unha viaxe de idea e volta da que os realizadores saen con moita fortuna afondando no traballo de documentación do magnífico texto de Chévere e nas interpretacións absolutamente memorables do cadro actoral.

Emociona cada plano e cada frase de Patricia de Lorenzo, que encarna a unha de tantas nais que nestas tres décadas perderon a súa lingua e case a súa identidade. Conmove tamén a interpretación de Miguel de Lira, ao xeito dun Peter Pan de Arcos, un emigrante soñador e aparentemente inxenuo, aínda capaz de ilusionarse co proxecto cinematográfico da súa filla, que procura nas súas orixes máis íntimas azos de esperanza.

A pesar das gargalladas inevitables da comedia, nalgunhas escenas de morrer coa risa, a pesar das escenas musicais do entusiasmo daquelas noites felices de ansia, o filme vai deixando nos seus coidados detalles un pouso de profunda amargura. Velaí a traxedia da perda dunha paisaxe recoñecible ou a denuncia sutil do agromar dunha nova emigración nun país que semella cada vez máis inviable. Velaí esa escena final inesquecible na que a familia enxerga o seu futuro diante dos andeis. Outra valiosa peza de produción low cost desta sorprendente factoría ficcional do cinema galego independente. Convén non perder este Eroski/Paraíso, paga moito a pena.


</>

Onte 1737: As bolsas de Eroski

bolsas_Eroski

No eroski do meu barrio agotáronse nunha mañán as novas bolsas de compra reutilizables ilustradas con fermosas palabras en galego (agarimo, cogumelo, orballo, xoaniña, anduriña, larpeirada, feitizo, morriña, lóstrego, folerpa, bico, bágoa, “volvoreta”…). Un éxito rotundo para outra iniciativa privada de promoción da lingua galega utilizada de forma fachendosa como mellor reclamo para a fidelización da súa clientela. As bolsas de Eroski, como as iniciativas recentes de Estrella de Galicia, expresan a capacidade inclusiva da lingua galega capaz de achegar un valor engadido de afectividade,orixinalidade e identidade que conecta de forma natural coa maioría social do país. Ben merece Eroski, empresa vasca que utiliza decote o galego no sinalamento dos seus produtos no punto de venda e na súa magnífica revista Consumer de saúde e alimentación, todas as nosas beizóns, mentres agardamos con facernos cunha destas bolsas nunha nova tirada.