Onte 560: Días mundiais
O 21 de marzo, coincidindo co inicio da primavera e co equinocio, celébranse un cantos días mundiais. Consultando a miña cronoloxía de twitter, atopei onte numerosas referencias ao Día mundial da poesía e da creatividade, ao Día mundial da marioneta, ao Día mundial da sindrome de Down, ao Día forestal mundial, ao Día internacional contra a discriminación racial, ademais das do Día da felicidade (celebrado antes de onte) e as do Día mundial da auga, conmemorado hoxe 22 de marzo.
A celebración de tantas efemérides mundiais en apenas tres días é un síntoma inequívoco das moitas doenzas ocultas que padece a humanidade e o propio planeta, que a comunidade internacional pretende atallar. Como hai razóns tamén para considerar que este apretadísimo calendario laico das boas intencións e das causas da humanidade é apenas unha manifestación da mala conciencia (unha «tirita» sobre unha grande ferida) dos organismos internacionais que o promoven, a maior parte dependentes dunhas Nacións Unidas á deriva, cada vez máis irrelevantes na nova orde internacional. Con todo, é innegable que estas efemérides axudan a facer visibles estas causas dos dereitos da humanidade nos medios de comunicación, nas redes sociais e nos sistemas educativos, o que contribúe a manter a tensión da cidadanía no seu exercicio e defensa. Non é pouco.
Tras día tan sinalado recupero uns versos de Ramiro Fonte, tirados d’ A rocha dos proscritos, afirmando a condición poética de cada cidadán: «Cando chegue a primavera / Xunto á casa que foi súa / Deixarei este poema, / Coma unha flor ventureira / No libro da beirarrúa».