Artigos

Onte 1671: “As horas roubadas” de María Solar en Cronopios de Compostela

as_horas_roubadas_12-04-2016_01

Éxito rotundo da presentación do serán onte d´As horas roubadas de María Solar na Libraría Cronopios de Santiago. Agarimada pola crítica Malores Villanueva e por case un cento de persoas no seu debut cunha novela para adultos, a escritora e xornalista compostelá contou coa fermosísima sorpresa do agasallo de dúas cancións do grupo De Vacas.

XG002530012Malores Villanueva comezou salientando que “María Solar non defrauda nesta a súa primeira novela para adultos, unha autora que sempre escribe dende a honestidade”. A seguir, Malores confesou que sempre considerou a “María Solar como a escritora galega dos bicos” e lembrou o capítulo sete de Rayuela, “unha cita inevitable estando en Cronopios”. Debullou algúns dos temas da novela: a dureza da emigración paras as mulleres, a violencia sobre as mulleres, a dicotomía existente na sociedade de 1979 entre os sectores conservadores e os que querían outra sociedade… Servíndose dunha frase do escritor peruano Santiago Rocangliolo (“hai libros fáciles de ler e difíciles de procesar”), afirmou que “As horas roubadas é unha reflexión sobre a vivencia do amor e da violencia fácil de ler e difícil de procesar”. “Un amor eterno, adolescente, pasional, hai tantas formas de amor nesta novela que nos leva a refacer aquela frase de Silvio Rodríguez que non todas as formas do amor son válidas”.

Detívose, despois, Malores en reparar nos detalles da ambientación da novela a finais da década dos setenta. “María conta como se pasou da televisión en branco e negro á de cor, como se poñían os cornos á tele portátil ou como a televisión vai ocupando o espazo da casa”. “Na novela descúbrese que as cousas valiosas non se gardan nunha caixa ou envoltorio calquera”. “Aparecen os sofás de escai, a importancia da lavadora, que foi unha liberación para a muller, o pago a prazos dos electrodomésticos, o descubrimento do sexo ou o papel da igrexa que pexaba e censuraba”. “María Solar lembra que naquel tempo houbo pioneiras na loita das mulleres por desfacerse das ataduras”.

María Solar confesou que levara catro anos puíndo unha novela que cualificou como “un libro de sentimentos”. “Busquei os sentimentos para poder narrar unha historia que deitase a idea de que ao final da vida o que debe quedar claro é que viviches a vida que quixeches vivir”. “As horas roubadas é un libro sobre a transición na política e na televisión, mais tamén das transicións que sofren as persoas de tres xeracións distintas”. Definiu a novela como coral, aínda que recoñeceu que lle preocuparan especialmente os personaxes de Damián e Rosa, “xa que era difícil transmitir a figura dese pai brusco e controlador xunto a de Rosa que confundía o control co amor, unha muller incapaz de rebelarse, que comezou a ser ninguén, non sendo respectada polo seu home nin polos seus fillos”.