Listado de la etiqueta: currículum

Onte 1346: Editores de texto

tumblr_mdy4h4Jb1E1r1vfbso1_1280Non puiden evitar a miña perplexidade cando lin onte no Livreshebdo que os editores de texto franceses tiveron como mínimo un ano para preparar os novos libros do curso que comezará no vindeiro mes de setembro. Non somos tan afortunados os editores en lingua galega que dispoñemos para facelo de menos de dous meses desque coñecimos os borradores do currículum de ESO e BAC e a data fixada pola Consellaría de Educación (15 de xuño) para que o profesorado estableza as súas prescricións. Un tempo claramente insuficiente, máis aínda cando este proxecto de currículum foi rexeitado polo Consello Escolar de Galicia e agarda polo ditame do Consello Consultivo para a súa aprobación definitiva polo Goberno e publicación no DOG, moi probablemente despois da data fixada ao profesorado para realizar as súas eleccións. Un trámite currícular, ademais, incompleto, xa que se descoñecen os borradores dos contidos dalgunhas das materias de configuración autonómica e as orientacións para a preparación das reválidas. Non deixa de ser paradóxico que Galicia, a pesar de defender ao pé da letra o contido da Lei Wert, sexa unha das comunidades máis atrasadas no currículum LOMCE, cos prexuízos e confusión que isto provoca na comunidade educativa e no sector editorial. Cando nos reunimos os editores de texto todos coincidimos en que semella que neste eido a Consellaría de Educación pretende que fagamos a cuadratura do círculo, xa que se implanta tamén un novo modelo de gratuidade parcial de libros de texto (que tampouco coincide no seu calendario coa realidade da modificación dos materiais didácticos) e un modelo de dixitalización educativa que, polo momento, exclúe ao sector editorial e impide a liberdade do profesorado de elixir os recursos didácticos. Aspira Feijoo algún día a ser o novo ministro de Educación e Cultura?

Onte 1333: Vitoria da comunidade educativa

A pesar do balbordo da campaña das municipais non pode pasar desapercibido o acordo do Consello Escolar de Galicia de rexeitar o Proxecto de Decreto que regula o currículo de ESO e Bacharelato en Galicia. Esta emenda á totalidade, presentada polos sindicatos do profesorado (CIG, CC.OO. e UXT), CONFAPA-Galicia, a USC e a Coordinadora Galega de MRP, fundamentouse en que o documento afondaba nos aspectos máis retrógados da LOMCE (a segregación temperá desde 3º de ESO, a substitución da avaliación formativa polas reválidas, a falta de programas de atención á diversidade…), así como na escasa contextualización dos contidos dalgunhas materias na realidade galega, a pouca atención á educación lingüística e a ausencia de materias de configuración autonómica. Como tamén foi criticada pola comunidade educativa a ausencia de alternativas para o alumnado que non supere as reválidas de 4º de ESO e 2º de BAC, a reducida optatividade que poderán ofrecer os centros, baseada no profesorado de afíns, así como a precipitación e o carácter caótico do propio proceso de reforma curricular, sen consulta efectiva cos sectores implicados.

A pesar de que o ditame do Consello Escolar de Galicia é consultivo, e polo tanto non ten concuecuencias normativas, como xa sucedera en 2010, co decreto de plurilingüismo, vai condicionar a implantación da reforma curricular conservadora. Xaora, esta vitoria simbólica, como ben sinala Marilar Aleixandre, «mostra o potencial da unidade da comunidade [educativa] e das asociacións para mudar a situación.»

Onte 1332: Retroceso para o ensino do galego no Bierzo

avisosgrita

O ensino do galego no Bierzo pode retroceder grazas a que a Junta de Castilla y León na orde quedesenvolve as ensinanzas e o currículum da LOMCE no Bacharelato declarou a «Lengua y Cultura Gallega» materia de libre configuración autonómica, o que a sitúa fóra do horario lectivo. Maís alá da falta de vontade política da Junta de Castilla y León, que deixa en papel mollado o seu acordo de colaboración asinado coa SXPL da Xunta de Galicia, a medida pon en evidencia un dos moitos furados centralistas da lei Wert, na que se diferencia entre materias troncais e materiais específicas (entre as que se escollan as optativas), deixando as denominadas como de «libre configuración autonómica» con escasas garantías xurídicas. Ademais, teño a convicción de que até que non se recoñezan o catalán, o éuscaro e o galego como materias específicas do currículum básico, e polo tanto de oferta en todas as comunidades autónomas, continuarán producíndose estes agravios, ao tempo que medrando os prexuízos sobre a diversidade lingüística nas comunidades ca non teñen «lingua propia». Xaora, como polo momento non se vai producir este xiro copernicano, a Xunta debe negociar coa Junta para modficar este estatus precario da lingua galega no bacharelato e mellorar o ensino do galego nas etapas de educación obrigatoria nas áreas galegofalantes do Bierzo.

Onte 1083: Comeza o cole

escola_pitufos_vigoSei que o primeiro día de cole é unha das datas inesquecibles da vida. Onte iniciaron a longa carreira escolar tres boas amiguiñas de meu, Olivia, Celia e Violeta. Forman parte desas vinte mil picariñas e picariños galegos de 3 anos que onte comezaron o proceso de adaptación á escola infantil. Sei que nese día tan importante foron agarimadas polas súas familias e polas súas mestras, acollidas con aloumiños nunhas aulas preciosas, auténticos laboratorios preparados para falar, cantar, bailar e descubrir tantas novidades. Desexo para elas tres unha escola chea de pombas e ledicia, atenta ao desenvolvemento das competencias precisas para o seu desenvolvmento persoal pleno, en igualdade cos seus compañeiros, e á súa participación activa na comunidade educativa. Desexo que na escola queden prendidas para sempre da paixón por coñecer e descubrir, enguedelladas no fío de ariadna das boas lecturas e escrituras híbridas. Como desexo que gocen dunha escola que saiba respectar as súas diferenzas e necesidades específicas e que, a pesar de estar en Vigo, empreguen o galego como lingua vehicular e preferente de escolarización. Sorte picariñas!!!

620: A LOMCE e o currículum formativo

A lectura detallada do proxecto da LOMCE é un exercicio imprescindible para coñecer en profundidade as modificacións do currículum escolar preparadas polo equipo Wert. Á confesionalidade e centralización curricular xa identificadas, haberá que engadir importantes modificacións para determinadas materias. Á desaparición do caracter obrigatorio («troncal» na LOMCE) da Educación par a Cidadanía, hai que engadir a das Ciencias para o Mundo Contemporáneo de 1º de BAC (unha das incorporacións máis afortunadas da LOE, materia científico-tecnolóxica que cursaba o alumnado de todas as catro modalidades) e a da Historia da Filosofía de 2º, un feito culturalmente moi relevante. Tamén perden o seu carácter troncal, aínda que agardamos sexa recuperada a súa obrigatoriedade no treito autonómico, a Tecnoloxía, a Música e a Plástica, até agora obrigatorias nalgúns dos cursos da ESO, tres materias que no texto do proxecto aparecen como «específicas» nun estatus inferior ao da Relixión e a súa alternativa (Valores éticos).

Non esquezamos que o currículum compila e xerarquiza os saberes escolares e expresa as intencións das autoridades educativas sobre as finalidades que se pretenden obter no sistema educativo. Polo que imos coñecendo da LOMCE (merece unha lectura moi atenta), a obsesión das autoridades do Ministerio de Educación por mellorar os resultados nas probas PISA (centradas na avaliación en comunicación linguïstica, matemáticas e ciencia) levounas a diminuír os contidos formativos do currículum no seu treito obrigatorio e a acentuar o seu carácter propedéutico dende 3º de ESO. Unha solución que pedagoxicamente non semella a máis afortunada. O profesorado de Secundaria das materias de Filosofía, Tecnoloxía, Música, Plástica e Ciencias da Natureza poderá explicalo moito mellor ca min.