Marea branca
No artigo da semana en Faro de Vigo abordo a situación da sanidade pública na provincia de Pontevedra.
O éxito das manifestacións en defensa da sanidade pública, celebradas a pasada semana en Vigo e Pontevedra, testemuñan a preocupación cidadán pola deterioración da calidade deste servizo público esencial na provincia de Pontevedra ao longo dos últimos anos. Se aos duros recortes de prestacións sanitarias e farmacéuticas da pasada lexislatura, se ás longas listas de espera, consideradas proporcionalmente nalgunhas especialidades da área sanitaria de Vigo como as maiores de España, unimos o mal estado dalgunhas instalacións do CHUVI (no hospital do Meixueiro) e o atraso acumulado nas obras de construción do novo Hospital do SERGAS de Valadares (reducido con respecto ao seu proxecto inicial), sen esquecer os efectos da renovación desa custosa hipoteca que supón o concerto singular con POVISA (75 millóns de euros ao ano para atender a 140.000 pacientes) e o retroceso que conlevará para a de Vigo a recente reforma das áreas sanitarias de referencia, semella que existen razóns fundamentadas para esta marea branca de profesionais da sanidade e da cidadanía que coa súa protesta pretende parar o desmantelamento da sanidade pública na área metropolitana viguesa.
A situación dalgunhas instalacións do hospital do Meixueiro é lamentable, quizais a mellor proba do desleixo da Consellaría de Sanidade con respecto á área sanitaria viguesa. As pingueiras e humidades “provocadas” polas galernas de xaneiro e febreiro obrigaron a pechar máis de corenta cuartos, colapsaron nalgunhas ocasións o servizo de urxencias e debido a demanda elevada de hospitalizacións levaron a reabrir durante uns días o edificio do Cíes e a desprazar pacientes ao hospital de Fátima. Humidades nas fachadas do Meixueiro, un hospital que cumpre este ano o seu vinte e cinco aniversario, que non son novidade ningunha (abonda preguntarllo ao persoal do centro que leva denunciado a súa existencia dende hai unha década). No entanto, o máis chamativo do caso é que en 2008 a súa reparación foi incluída no plan director de infraestruturas sanitarias da Consellaría Sanidade do goberno presidido por Pérez Touriño; mais dende entón nunca máis se soubo da intención dos responsables sanitarios dos gobernos de Núñez Feijoo de reparar unhas graves deficiencias estruturais que impiden agora utilizar unha décima parte dos cuartos dispoñibles nun hospital que para ventura dos seus pacientes mantén un elevadísimo nivel cirúrxico.
Desleixo semellante coa área sanitaria viguesa amósase na Instrucción 7/2013 da Consellaría de Sanidade que divide a sanidade galega en tres áreas de referencia, A Coruña, Santiago e Vigo, restando poboación, referencias únicas e recursos só a do sur de Galicia. Unha medida, en aparencia técnica, presentada coa intención de reequilibrar a poboación das áreas do mapa sanitario galego e co argumento de reducir as listas de espera, que supoñerá que máis de 300.000 usuarios das de Pontevedra e do Salnés, que até agora tiñan como referencia ao CHUVI en determinadas especialidades (Oncoloxía, Radioterapia, Cirurxía torácica, Neurociruxía, Cirurxía plástica, Cirurxía pediátrica, Cirurxía cardiaca, Fecundación in vitro), pasarán a depender do Complexo Hospitario Universitario de Santiago. Un traslado, nunca xustificado por un estudo previo nin negociado co persoal sanitario, que alporizou ao Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra (mais tamén ao de Odontólogos, Farmacéuticos e de Enfermaría), ao Foro de Xefes de servizo do CHUVI e á Xunta de Persoal do CHUVI por considerar que terá un forte impacto negativo na investigación e na docencia e reducirá a dotación orzamentaria que recibe a área sanitaria viguesa.
Un reordenamento que prexudica aos pacientes de Pontevedra e Salnés que dobrarán a distancia e o gasto de desprazamento para ser atendidos en Compostela, mais cuxo impacto na diminución das listas de demora cirúrxica será mínimo, como recoñecen tras as protestas cidadás as autoridades sanitarias. Un traslado de pacientes que semella ter como xustificación real a de activar “recursos ociosos” do CHUS, o que traducido a román paladino, supón que o Goberno Galego pretende potenciar o hospital de Santiago detraendo recursos humanos, económicos e tecnolóxicos do complexo público vigués ao que se pretende xibarizar.
Enfrontámonos a un problema político, o de cómo repartir recursos escasos entre as tres áreas sanitarias de referencia. O Partido Popular de Galicia nunca recoñeceu que a área viguesa, a que até agora atendía a un maior número de persoas, arrastraba un vello déficit de infraestruturas sanitarias, cerna de moitos dos problemas denunciados. A solución máis racional e equitativa é aumentar os recursos alí onde son máis necesarios, coma propón a marea branca sanitaria viguesa.