Artigos

Onte 897: «Cadeas» ou a novela como límite

Na presentación pontevedresa de Cadeas da man do Ateneo, tanto Xesús Constela como Ramón Rozas e Xabier López López insistiron na idea da novela como límite. Constela recolleu o fío que Chisco Fernández Naval deixara na presentación coruñesa de Cadeas na que dixo que esta novela premiada co Xerais exploraba os límites. Rozas insistiu sobre a fragmentación de Cadeas, tanto no que atinxe aos temas como á infinidade de rexistros (cartas, relatos de terror, crítica, citas…) e a capacidade do autor para engaiolar con tantas singularidades. Pola súa banda, Xabier López López definiu Cadeas como «un texto límite, novela ou suma de relatos, unha novela límite que xoga entre selo e non selo». Referiuse á idea de «vida como unidade narrativa» para preguntarse se somos unha novela ou un fato de relatos, «a nosa vida é mais ca un único fío, na nosa constante autonarración esquecemos que tamén somos personases secundarios das vidas doutros». «A literatura, a novela, é a a historia dunha persecución continua na que o autor e o lector nunca acabamos de atoparnos». Rematou Xabier desvelando algunhas lecturas inéditas de Cadeas referidas a súa relación con Manuel Antonio, Rafael Dieste e Antonio Machado. Cadeas preséntase hoxe na Pobra do Caramiñal da man de Barbantia.

Onte 759: Première de «Cadeas» en Betanzos

O salón Azul do Liceo de Betanzos encheuse na première de Cadeas, a novela de Xabier López gañadora do Premio Xerais 2013. Foron as palabras agarimosas e xenerosas de Pilar Vázquez Rodríguez, presidenta da Asociación Cultural Eira Vella, ás que abriron unha presentación na que o xornalista Iago Martínez, membro do xurado que outorgou o premio, falou na súa calidade de privilexiado lector.

Comezou Iago confesando que a do xurado «foi unha elección difícil, xa que me atopei con algo que non contaba, discutindo sobre o que cada un entendemos por literatura.» Definiu Cadeas como «un mosaico de vinte historias moi diversas entre si, marabillosamente ben escritas, elaboradas cada unha delas con cadansúas ferramentas específicas, froito do traballo dun narrador ventrílocuo capaz de artellar cada unha das historias sen a distancia cínica da postmodernidade.» «Cadeas é, ademais, un fresco do século XX sobre a dominación e a violencia. Unha reflexión sobre a imposibilidade de escribir unha vida ou episodios históricos como o sucedido no século pasado.»

No seu discurso, Xabier López definiu Cadeas como «unha serie de historias que enganchan unhas con outras referidas á dominación e a violencia, focalizadas no que foi a historia de nós durante o século XX, dende as guerras coloniais de Cuba e Sid Ifni.» Adiantou o autor algunhas referencias temáticas a seguir na novela: a presenza do leite condensado, da cerveza, dun reloxo, de diversas castracións e orellas cortadas. «Cadeas é unha novela sobre a busca, mesmo sobre a busca do lector e a dominación e o sometemento que ten o autor procurando o lector.» Referiuse, despois, a presenza de Rafael Dieste e Manuel Antonio nas páxinas da novela, como «dúas formas diferentes de encarnar os retos colectivos, o do intelectual comprometido e o do iconoclasta.» Explicou algúns dos retos técnicos afrontados no texto e rematou expresando a súa satisfacción polo resultado: «O último que escribo é sempre para min o mellor que escribín. Creo que Cadeas é a miña novela máis ambiciosa, recupera o pulso que tiven en Doutor deus ou nalgunhas das miñas primeiras novelas.»

Onte 729: A portada de «Cadeas»

Cadeas, a novela de Xabier López, gañadora do Premio Xerais deste ano, xa vai no prelo. Estou moi satisfeito da cuberta que preparou Miguel A. Vigo a partir dunha imaxe suxerida polo propio autor, unha foto de 1923, «Kids at the Potomac bathing beach». A foto é unha metáfora visual do carácter poroso desta novela na que se van enganchando as historias como as cereixas. Mais tamén é capaz de expresar esoutra idea máis sutil de Xabier López, que entende a novela como un vehículo para explicar a vida sempre como suma de moitas vidas distintas. Eis o debuxo conformado polas miradas, sorrisos e formas desa rapazallada na praia atlántica. Gosto, tamén, da imaxe pola súa inequívoca connotación co inicio do XX, onde se sitúa tamén o comezo do devalar dun texto cuxas historias abrangue todo un século da historia de Galicia. Volveremos nas vindeiras semanas sobre Cadeas, novela que presentaremos por vez primeira o 11 de outubro no Liceo de Betanzos.