Artigos

Cidade bicentenaria

No artigo da semana en Faro de Vigo [hoxe non aparece na web], ao fío da celebración o vindeiro primeiro de marzo do bicentenario da declaración de Vigo como cidade, reflexiono sobre o que entendo foron os tres motores vigueses durante estes dous séculos: o seu carácter metropolitano, portuario e cívico (liberal e progresista).

A aparición frecuente de restos arqueolóxicos pon en cuestión esa falsa idea dun «Vigo sen raíces na historia». Os xacementos catalogados, desde o Paleolítico ata a Idade Media, proban a antigüidade dos asentamentos humanos sobre os brazos estendidos da ría e do Val do Fragoso. Porén, é innegable que a cidade como tal é moito máis nova xa que a vila amurada que loitou contra os franceses non recibiu os privilexios do seu nomeamento como cidade até 1810. Vigo é, pois, a partir deste ano, unha cidade bicentenaria que conta cunha historia milenaria.

Efectivamente, a concesión a Vigo do título de cidade foi a máis importante honra que nos deixou a Reconquista. Por decreto de 1 de marzo, expedido en Cádiz o 10 de abril de 1810, o Consello de Rexencia de España e Indias concedeu a até entón vila de Vigo «o privilexio e título de ‘Cidade Fiel, Leal e Valorosa’ en atención aos sinalados servizos, heroica lealdade e esforzado denodo que manifestaron os veciños dela en defensa da xusta causa da independencia nacional, relevándoa do pago de todo servizo e xénero por esta graza». Velaí o texto dun decreto (que non sería publicado até o 27 de outubro do mesmo ano) que sinala a epifanía da nosa cidade e que facía xustiza ao esforzo da súa veciñanza para lograr a súa liberación e a de toda Galicia, xa que tras a vitoria popular de Vigo, se organizaron as forzas que venceron na batalla de Pontesampaio.

Será Gabriel Méndez de Quirós, o primeiro alcalde constitucional dunha cidade que tiña en 1813 unha poboación de 888 veciños (estimamos que arredor de catro mil persoas), mentres que os seus concellos veciños de Bouzas e Fragoso contaban con 664 e 2.127 veciños respectivamente. Datos polos que aventuramos que a poboación asentada hai douscentos anos nos actuais límites do concello de Vigo era superior aos quince mil habitantes. Un terzo desa poboación arremuiñábase arredor de dúas vilas mariñeiras, de Vigo e Bouzas, mentres que o resto o constituía o campesiñado estendido polas parroquias agrarias do vizoso Val do Fragoso (dezasete entidades, aínda todas hoxe con vida de seu) onde, como recorda Álvaro Cunqueiro, cada ano pintaban as uvas, secaba a colleita anual de ouriceiros e o arrecendo das mazás e marmelos perfumaba o aire das hortas dos pazos.

Non deixa de ser curioso que o celme do Vigo actual xa estivese naquel vilar mariñeiro e campesiño de hai dous séculos, no que era doado diferenciar unha cidade chantada coma un anfiteatro diante da súa ría e unha sociedade aldeana moi estendida sobre un val farturento no que as tradicionais actividade agrarias foron substituídas, dende hai apenas cincuenta anos, polo pulo da industria do automóbil que todo o mudou. A fasquía do Vigo contemporáneo, a primeira cidade de Galicia, é froito do traballo acompasado de tres motores: o metropolitano, o portuario e o cidadán. O metropolitano teceu unha cidade policéntrica, esa «cidade en bisbarra» para Otero Pedraio, que foi integrando amorosamente aos concellos do Fragoso e de Bouzas e soubo anticiparse á historia e contar, a comezos do século XX, cunha rede de transporte público metropolitano (o tranvía chegaba a Porriño, Gondomar e Baiona), desmontada pola cegueira do «desarrollismo» franquista dos anos sesenta. O portuario impulsou, dende 1821, cando recibiu o pulo que lle supuxo a declaración como «porto depósito de primeira clase» (o que supuxo tanto o establecemento dun consulado de comercio marítimo terrestre como a construción do primeiro peirao), unha cidade en debate permanente (e nunca resolto) coa ubicación e ampliación das dimensións do seu porto. Velaí esa cidade atlántica, «abella da ribeira» para Manuel Lueiro Rei, sempre afanada no traballo cara o mar. Por último, o cidadán forneceu ese sentimento liberal e progresista que, a pesar das circunstancias máis adversas, nunca desfaleceu totalmente e permitiu que Vigo, dende o seu alborexar como cidade, liderase os proxectos da Galicia do futuro, fosen os industrais (aquí se montaron as primeiras factorías navais e conserveiras) os culturais (o noso primeiro teatro, o da praza da Alfóndiga, é de 1833 e o noso xornal decano, Faro de Vigo, de 1853), os financieiros (o Banco Siméon naceu en 1857 e a Caixa de Aforros de Vigo en 1880), ou os urbanos (a luz de gas viguesa, no alumeado público, inaugurouse en 1884). Eis atopamos a orixe da nosa actual cidade revolcada, ese «volcán de dinamismos» do que falaba Méndez Ferrín.

As celebracións que se realicen ao longo deste ano do Bicentenario da cidade deberan ter en conta estes tres motores, que perviven, tamén, nos tres debates primeiros sobre o futuro da cidade no século XXI: o da creación de vez da área metropolitana, o do reordenamento da actividade portuaria e o do futuro do sector financeiro e industrial propio.