Artigos

Onte 846: Castelao con Bagaría

O sesenta e catro aniversario do pasamento de Daniel de Rianxo é unha oportunidade para volver sobre algúns dos seus textos menos coñecidos. Así o fixen no serán de onte relendo as quince entrevistas que Manuel Rosales recolleu no primeiro volume de Para ler a Castelao. Entre todas elas, sen dúbida, foi sempre a miña preferida a conversa que mantivo con Bagaría publicada por El Sol o 19 de xuño de 1936. Cando o humorista catalán (autor dunha das máis famosas caricaturas de Daniel) lle pregunta sobre se está contento co Estatuto, que sería plebiscitado semanas despois (o día 28), a resposta de Castelao é tan lírica coma retranqueira:

–Eu non teño culpa de que Galicia posúa as caracerísticas dunha nacionalidade, mais creo que debe renunciar a parte dos seus dereitos naturais. Con que poida respirar libremente abóndalle. A Galicia abóndalle con poder resolver os seus problemas vitais e eu gostaría dunha Galicia coas portas abertas, sen carabineiros. Somos internacionalistas por convencemento e universalistas por natureza. Lembra que no ceo quedou un camiño de estrelas para sinalar a nosa comunicación co mundo antigo e no fondo do Atlántico debe existir un camiño de esqueletes galegos para marcar a nosa comunicación co mundo novo. Aspiramos que Galicia sexa simplemente un paraíso. Oe, Bagaría, non cres ti que cómpre crear pequenos paraísos?

Subscribo a afirmación de Castelao, «abóndanos con poder respirar libremente» e a súa aspiración de facer de Galicia simplemente un paraíso. Non desistiremos en tan produtivo afán.

As caricaturas que reproducimos son ambas as dúas de Lluís Bagaría. A da esquerda corresponde á conversa que os dous humoristas sostiveron en 1936, en vésperas do alzamento militar, á que facemos referencia na anotación. A da dereita, á primeira intervención parlamentaria de Castelao en 1931, «co corazón esgazado e sangrante polo seu pobo, condenado á emigración».