Onte 306: A subida do IVE e o libro
Na primeira reunión da nova directiva da Asociación Galega de Editores, na que aprobamos o programa de actividades para segundo semestre do ano, agoiramos as maiores dificultades para o mercado do libro galego diante da inevitable subida do actual IVE superreducido do 4%, que o venres aprobará o Consello de Ministros. Tanto sexa un 8% para o libro impreso (o que semella máis probable), como un 18% ou 21% para o electrónico, este incremento arrefriará aínda máis a compra de libros, un mercado que vive en Galicia o momento máis crítico das últimas dúas décadas. Non deixa de ser un sarcasmo que a reivindicación dos editores europeos na última década fose a de acadar un IVE cero, por tratarse o libro dun ben cultural; como tamén o foi, mentres isto non se acadase, loitar pola rebaixa do que grava o libro dixital descargable (tal como aprobou en Francia e Luxemburgo) até deixalo no mesmo tipo ca o analóxico. Agora, nun país como Galicia cuns baixos índices de lectura, esta subida do IVE, ao inicio da campaña escolar, pode supoñer a catástrofe definitiva para o sector editorial e a manifestación do maior desprezo pola cultura. Como tuiteou onte o mestre Xabier Docampo «sen libros, sen cultura, non se sae da crise».