Onte 1782: “Mensaxe dende o silenzo” de Licalaterna
A poesía de Celso Emilio Ferreiro continúa sendo fonte orixinal para a música galega. Comprobeino, outra vez, como membro do xurado do 1º Premio Celso Emilio Ferreiro de poemas musicados, unha iniciativa con certa semellanza á que Lluis Llach tivo coa obra do poeta Miquel i Marti Pol, no que participaron trinta e dúas cancións, moi diversas nos xéneros e estilos musicais, mais en xeral dun excelente nivel de calidade. Entre todas elas resultou gañadora a presentada polo grupo Licalaterna, formado por Andrea Souto e Óscar Iglesias, que traballou sobre “Mensaxe dende o silenzo“, un dos poemas d’ O soño sulagado. Este premio promovido dende a iniciativa privada pola FUNCEF, dotado con 3.000 euros, será entregado no Culturgal o sábado 3 de decembro, ás 11:30.
Parabéns a Licalaterna por tan magnifica proposta musical e audiovisual e a FUNCEF polo seu teimoso labor de promoción da obra de Celso Emilio Ferreiro.