Artigos

Onte 1775: Manuel Veiga no Ateneo de Pontevedra

Presentamos no serán de onte no Ateneo de Pontevedra Todo ser humano é un río de Manuel Veiga. na súa intervención de acollida, Xaime Toxo, presidente do Ateneo, cualificou o libro de “preciso e precioso”, “sendo a ollada como conciencia de narrador solitario a protagonista da novela”. Cualificou a obra como “evocadora, antisublime e valente”. “O de Veiga é un libro intelixente, ben escrito, dirixido a lectores conscientes do intelixentes que poden ser”. “Todo ser humano é un río supón o retrato dun final de época, o mundo da Galicia interior, devastado e en proceso de desaparición”.

XG00249101Pola súa banda, Anselmo López Carreira iniciou o seu discurso sinalando que “o libro de Veiga axuda a comprender a similitude do río coa vida humana, xa que a continua afluencia de experiencias das nosas vidas fan que como os afluentes do río sempre sexa a mesma, a pesar de ser sempre diferente”. “Nesta obra entendemos as dificultades de establecer as fronteiras entre os xéneros da narración. Todo ser humano é un río non se debe entender como unha narración convencional con nó e desenlace, xa que só cando rematamos a lectura entendemos o sentido do gran río da vída e de todos os seus afluentes”. “Non sei se é unha novela en sentido clásico. Mais o que si identifico é un documental, un espello no que se vai presentando un país, dende unha perspectiva sociolóxica, histórica e xornalística. É unha obra sociolóxica, dun autor que noutro libro, O pacto galego na construción de España, fixo unha achega importante para entender o período da Restauración e o nacemento do nacionalismo, o que axuda a entender a situación actual”.

A seguir, gabou López Carreira “Casa vixiada”, unha noveliña dentro da novela, na que o narrador relata a visita a un pazo existente, o de Muíños de Antero. “É o momento máis fermoso da narración, cando Veiga se recrea no xogo de palabras e no sabor da contemplación das obras de arte e do propio pazo. Unha vez que rematamos a lectura de todo o libro comprendemos o valor de todas as pezas, un tanto dispersas, deste documental que nos permite mellor comprender o país, que é do que se trata”.

Manuel Veiga, como fixera en presentacións anteriores, salientou que “a ficción nos axuda a entendernos, as artes todas son un suplemento da realidade, que nos axudan a entendela”. Agradeceu a Anselmo e a Xaime que valorasen, como fixera en Compostela Lourenzo Fernández Prieto, “o carácter estritamente literario do libro”. “Sei que cando falo da rúa da miña nai, moitos lectores e lectoras identificarán esa rúa coa da súa infancia. Iso demostra que se afondas na túa particularidade serás máis universal. Como dicía Tabucci a literatura de aeroporto é a máis prescindible, porén aquela que fala do singular, a miña rúa, é a de moita xente”. “Lendo no libro de Amos Oz, Unha historia de amor e escuridade, no que fala da súa familia, ocorreúseme facer algo semellante coa miña. Eu sempre queo contaxiarme do que leo, imitar aos máis grandes autores e aprender deles. Creo que os escritores temos que ollar tanto para a terra como para o ceo, somos campesiños e cregos a un tempo”.

Na quenda de participación do público, Veiga afirmou  que “dá igual que o libro sexa ou non considerado unha novela”, “o importante é que sexa concreto, topográfico, capaz de analizar a realidade humana, xa que a literatura é a arte do concreto, fronte a abstración que permite a filosofía”. “Non son nostálxico nin me gustaría que os meus libros fosen entendidos como tales. Os seres humanos precisamos darlle un sentido ás cousas, darlle nome. Queremos darlle un sentido a todo. O mundo da ficción pretende poñer orde ao caos. Ademais, tratar de entender é terapéutico, tranquilízanos, dános acougo e calma. A ignorancia é o que provoca máis dor. A función da arte é un imposible, poñer orde neste caos. Este libro trata de facelo coa Galicia interior, que necesitamos entender”.