Artigos

O estado da lingua

Recomendo a lectura destas dúas anotacións de alema sobre o estado da lingua. A primeira é a entrevista con Mauro Fernández, o catedrático de lingüística xeral da Universidade da Coruña, que defende que se está produncindo unha estabilización no galego. A segunda á que fai referencia ao estudo máis recente do Observatorio da Lingua Galega, que achega datos máis actuais cos do MSG (2004) sobre a situación do galego con entrevistas feitas en 2007. Repasando as táboas deste estudo, conclúese que (canto menos hai apenas dous anos) a actitude positiva cara ao galego era claramente maioritaria entre a poboación galega, ao tempo que estas porcentaxes diminuían nos entornos urbanos, na xente nova e nos entornos sociais con maior poder adquisitivo. 

As dúas anotacións amosan síntomas preocupantes sobre o estado da lingua, mais tamén, sinais para a esperanza, sempre que se actúe con intelixencia sobre eles. Ás portas da decisión que sobre o futuro do decreto do fomento do galego no sistema educativo poida tomar o novo goberno, non debemos de perder a perspectiva (entre o lusco e fusco) que proporcionan estes datos nin o sentidiño e a responsabilidade na defensa dunha lingua que é de todos sen excepción (cuestión vital para desmontar as argumentacións falsas arredor da «imposición del gallego»). Reitero o agradecemento a alema por estas excelentes anotacións.

Tamén é moi recomendable o número 161 da revista Encrucillada (xaneiro-febreiro de 2009) dedicado á lingua, onde aparece «A lingua en Galicia», un traballo fulcral de dezasete páxinas que preparou Agustín Fernández Paz. Este artigo paréceme de lectura obrigada. Pagaría a pena poder distribuílo na rede como recurso didáctico e argumentario para desmontar tantos prexuízos e falsidades que os galegófobos están promovendo.