A lingua e as présas de Feijoo
No artigo da semana de Campo de Granada abordo o dilema que debe resolver Feijoo arredor da promoción do galego. Reproduzo o texto xa que non aparece na web de Faro de Vigo.
A lingua e as présas de Feijoo
As declaracións recentes de Alberto Núñez Feijoo sobre a súa intención de recuar dende a Xunta de Galicia nas políticas de fomento do galego son moi preocupantes. Se estes anuncios retrógrados se concretan como primeira medida política do novo goberno, asistiriamos a unha ruptura sen precedentes do consenso autonómico acadado hai case tres décadas arredor do estatuto das dúas linguas que se falan en Galicia. Unha medida que, sen dúbida, esgazaría ao país e a súa cidadanía en dúas metades, o que tería consecuencias políticas e sociais imprevisibles xa que a lingua galega é o primeiro ADN de todos os cidadáns que residimos en Galicia e de todos aqueloutros que aquí deixaron as súas raíces e a levan ou a adquiriron polo mundo adiante. O galego é o idioma que a todos nos abraza (tanto dos que o utilizamos como o dos que prefiren instalarse no castelán), unha raíz chantada no futuro sobre a que todos temos responsabilidade.
No entanto, comprendo que estes anuncios de Feijoo, concretados, polo momento, na intención de derogar o decreto de fomento do uso do galego no ensino, obedecen á súa urxencia por vender o éxito da súa vitoria (e, por ende, a de Mariano Raxoi) á prensa conservadora madrileña, obsesionada na súa persecución das políticas de normalización lingüística, baixo a falsidade de tratarse dunha “imposición” dos partidos nacionalistas cataláns, vascos e galegos. Enredado nesa tea de araña, apupado polas agullas de Jiménez Losantos e Pedro J. Ramírez, o futuro presidente da Xunta realizou na COPE unhas declaracións tan imprecisas como alarmantes sobre a liberdade dos pais para elixir a lingua da aprendizaxe da lectura e das “materias troncais”. Afirmacións que non teñen encaixe coa actual estrutura da rede educativa galega e co desenvolvemento normativo sobre o uso da lingua galega emanado da Lei de Normalización de 1983. Como quere Feijoo organizar os colexios e institutos en función deste modelo de elección? Apoiará a segregación do alumnado en función da lingua vehicular escollida polas familias? Haberá aulas ou centros castelanófonos e outros galegófonos? E os pais e nais que quixeren continuar como modelo lingüístico mixto vixente? En tempos de crise, valorouse o custe económico do modelo? Sendo a primeira medida de goberno, implantarase xa o vindeiro curso? É compatible este modelo de elección co obxectivo, establecido nos currículums vixentes, de que todo o alumnado ao remate da ESO posuirá idéntica competencia no emprego de ambas as linguas oficiais? E que facemos co profesorado?
Mais paradóxico aínda é que estas declaracións de Feijoo á COPE sexan contraditorias co programa do PP-G (presentado como “un contrato integral co pobo galego”). Nesas máis de trescentas páxinas nada se fala dun modelo educativo de elección lingüística, salientándose, pola contra, a aposta dos conservadores polo trilingüismo para todos, co “obxectivo de que ao remate da lexislatura a metade dos centros sexan trilingües impartindo un terzo das materias en inglés, outra en castelán e outra en galega”. Outrosí sucede co espazo dedicado á “Lingua Galega”, onde se recolle a aposta do PP-G “dende as súas fondas conviccións galeguistas para garantir que todos os cidadáns de Galicia puidesen exercitar os seus dereitos lingüísticos en liberdade, e, particularmente, os que elixen o galego, dada a situación de marxinación histórica” ou o seu compromiso de “garantir o equilibrio e proporcionalidade nas materias que se imparten en galego e castelán no sistema educativo, permitindo a necesaria flexibilidade”. Posicións programáticas matizadas, das que podemos discrepar, máis moi afastadas doutras caracterizas pola belixerancia galegófoba.
Señor Feijoo, aclárenos, a que debemos atender: ás súas declaracións a Jiménez Losantos (que o animaba, tamén, a deixar de falar en galego no Parlamento) ou ao programa publicado polo seu partido? O seu goberno vai apostar polas teses de monolingüismo galegófobo defendidas por sectores moi minoritarios como Galicia Bilingüe ou vai facelo pola continuidade das políticas de promoción da lingua galega enmarcadas polo consenso alicerzado dende a Lei de Normalización Lingüística, no que participan todos os partidos e as forzas sociais? Na intelixencia e na afouteza para resolver felizmente este dilema, residirán boa parte das súas posibilidades para que comece sendo o presidente de todos galegos (tamén deses máis de oitocentos mil que non o votamos) ou o primeiro que promoveu dende a Xunta de Galicia políticas de extinción da nosa lingua. Señor Feijoo, nas súas mans queda o futuro do noso idioma. Precisa tempo para resolver un dilema que merece unha reflexión serena e profunda, nesta súa aposta e do seu partido, xogámonos o futuro do ADN de todos os galegos.