Onte 406: Crenza na luz
Excelente foi a laudatio que Paz Raña pronunciou con motivo do nomeamento oficial de Agustín Fernández Paz como socio de honra de Gálix 2012. Nun texto de escritura miniada moi fermosa, Paz salientou o compromiso do autor de Aire negro coa renovación pedagóxica e coa transformación das aulas como “o lugar onde a realidade dialoga máis alá dos catro vértices que a queren confinar”. Repasou despois Raña, os fíos temáticos e as protagonistas da obra literaria de Agustín, “condutoras, delegadas, xogadoras de baloncesto e, tamén, mozas que posúen unha curiosidade omnívora que as leva a esvarar na biografía de seu, co afan de localizar retallalos onde revelarse, todo con tal de fuxir do espesor da escuridade”. Paz Raña rematou o coidadísimo discurso apelando a crenza na luz de Agustín: “luz, a palabra máis repetida nos títulos das túas obras, esa luz da que ti es merecente posuídor, que semella dicirnos, como aquel músico no relato de Julio Cortázar: ‘Esa música ya la toqué maña'”. Na súa intervención de resposta, Agustín amosou un vello exemplar, herdado da biblioteca familiar, d’ A illa misteriosa, a novela de Jules Vernes, coa que confesou para el “empezou todo”. Insistíu na súa convicción que “ler é escribir son dúas caras indisociables da mesma realidade“, como no feito de que “o mellor agasallo que se lle pode facer a un escritor é ter lectores, a maior marabilla“. Rematou presentando a súa elegantísima web e blog (outro formidable traballo de Pumpún), coincidindocoa súa nova candidatura ao Astrid Lingren. Alí pode descargarse un relato inédito, “Abrir as portas”, que impreso puxo a disposición dos participantes, e que tamén se pode ler neste blog que permitirá ao personaxe ter vida propia. Un acto formidable.