4 de nadal: 40 anos de autonomía conformista
Dedico o primeiro artigo en Luzes.gal ao corenta aniversario das manifestacións do 4 de nadal a prol da Autonomía para Galicia:
Coa excepción dunha excelente reportaxe de Marcos Pérez Pena en Praza, o corenta aniversario das manifestacións do 4 de nadal, unha data histórica na que se mobilizaron en Galicia máis de 400 mil persoas, pasou sen pena nin gloria na axenda pública galega, a utilizada polas administracións, partidos e medios impresos do país. Un feito que non resulta estraño no proceso autonómico galego que dende o seu inicio foi dirixido dunha ou doutra maneira por persoas e forzas políticas que non acreditaban no autogoberno galego.
Explícao de marabilla o propio Marcos Pérez Pena no seu libro A prensa en Galicia na Transición (2016), unha desas obras maiores de Xerais Crónica, agochada tamén para a maior parte dos medios, a pesar de obter o Premio da Crítica de Galicia 2017 na modalidade de Investigación, cando relata os ires e vires do inicio da autonomía, impulsada de forma decisiva polas manifestacións daquel domingo de decembro de 1977 de Vigo e da Coruña (das maiores da nosa historia, xunto ás do Prestige), mais tamén pola tractorada que o mesmo día organizaron as Comisións Labregas, apoiada polo BN-PG, ambas as dúas silenciadas pola prensa de Madrid.
Como tamén relata no seu documentadísimo libro o xornalista de Praza as peripecias de Adolfo Suárez e Manuel Clavero Arévalo, o seu ministro adjunto para las regiones, para poñer en marcha a preautonomía Galega o 10 de marzo de 1978, de forma simultánea ás do País Valenciano, Aragón e Canarias, o que Xosé Antón Gaciño, o director de El Ideal Gallego, cualificou de “preautonomía desgastada”, e Luís Álvarez Pousa, xornalista de La Voz de Galicia, de “preautonomía retrasada, filtrada e desalentada”. Abríase así o que sería unha deriva da autonomía galega nestas catro décadas de “café para todos” (termo do ministro Clavero): estar sempre un paso (ou varios) atrás de Cataluña e o País Vasco, ao tempo que sinalar para o Gobierno de España, fose socialista ou popular, o teito das aspiracións do resto das comunidades.
Outrosí sucedeu co proceso que levou a Suárez a nomear finalmente a Antonio Rosón como presidente da Xunta preautonómica, outro capítulo formidable do libro de Pérez Pena, desbotando a outros membros da UCD, como o ministro franquista Pío Cabanillas, tamén un dos fundadores de Alianza Popular, daquela xa apoiado polo “grupo de Ourense”, ou o vigués Víctor Moro, que recibiría un ano despois como premio de consolación a candidatura á alcaldía de Vigo. Unha escolla a do polémico Rosón, que dende o inicio se definiu como “galeguista” e utilizou decote o idioma galega, á que non debeu ser allea a intervención do seu amigo Ramón Piñeiro, desbotando así a encrucillada dun Tarradellas galego, que Suárez chegou a contemplar na figura de Bibiano Fernández Osorio-Tafall, o científico e diplomático que fora alcalde de Pontevedra durante a segunda República e chegara a subsecretario xeral da ONU.
Desencanto sobre o proceso autonómico que continuou co de elaboración e aprobación do Estatuto de Galicia, aprobado no referendo de 21 de decembro de 1980 cunha participación do 28,3% e unha porcentaxe de votos afirmativos do 73,4%. Un fracaso en toda regra na aprobación cidadá dun texto vixente dende o 6 de abril de 1981, mais que nunca foi modificado e solicitada apenas a súa revisión durante o goberno de coalición presidido por Emilio Pérez Touriño. Quizais outra manifestación, en palabras do xornalista Xosé María Palmeiro, de “submisa indiferenza”, ou anticipación do conformismo instalado na cidadanía galega desque goberna Alberto Núñez Feijoo e outros altos funcionarios do grupo de cadros da administarción autonómica. Mais ese xa é outro conto.