Repensar a Reconquista
No artigo da semana (non aparece na web de «Faro de Vigo») propoño unha dupla proxección para a efeméride da Reconquista: como festa primeira do Casco Vello e como festa do Vigo futuro.
Non son un fanático da Reconquista nin tampouco teño fobia ningunha contra ela. A figura do capitán Bernardo González del Valle «Cachamuíña», o noso heroe local por excelencia e primeiro gobernador militar do novo Vigo, merecíame apenas o respecto de ser lembrado na balada que a el e a María Pita dedicou Siniestro Total («ron ron la botella de ron…»). O seu heroísmo na noitiña do 27 de marzo de 1809 desfacendo a machada a porta da Gamboa –canto menos así o relataba en 1810 José Fernández y Neira en Proezas de Galicia, a primeira crónica publicada en galego no século XIX, logo recollida e fixada por José de Santiago e Gómez na súa Historia de Vigo de 1896– considereino unha glorificación hiperbólica dun acontecemento que supuxo outro triunfo do pensamento absolutista fronte os valores republicanos (liberdade, igualdade e fraternidade) que representaban as tropas mercenarias ao mando de Jacques Antoine Chalot.
Porén, despois de douscentos anos, aquel levantamento contra a invasión do exército francés, que despois supuxo o recoñecemento como tal da nosa cidade e a concesión por parte do consello da rexencia en 1810 do título de «fiel, leal, e valerosa», compréndese con maior obxectividade. Fronte as fabulacións, erros e manipulacións interesadas (froito da historiografía romántica do século XIX), que se foron transmitindo acriticamente dunhas a outras obras da nosa historia local, a actual historiografía salienta unha nova perspectiva nos acontecementos: a Reconquista viguesa foi un levantamento dos paisanos que sen axuda de estado ningún se mobilizaron para defender a vida e as propiedades das súas familias.
Así o argumentan con datos e documentos as obras publicadas máis recentes sobre a cuestión: os libros de Eduardo Rolland (Reconquista. Vigo en armas) e Xosé Ramón Barreiro Fernández (Historia social da Guerra de Independencia en Galicia), ambos os dous editados por Xerais este ano, e a serie diaria de Antonio Giráldez Lomba sobre o «Bicentenario da Reconquista» e a semanal de Javier Mosquera sobre «Protagonistas da Reconquista de Vigo», ambas as dúas publicadas en Faro de Vigo. Fronte a inexistencia dun exército regular, o pobo galego (labregos, mariñeiros e cregos), organizouse en 261 alarmas comarcais que, dispostas ao longo da costa e da raia portuguesas, se comunicaban dende lugares estratéxicos mediante sinais de fume e fogo. Segundo Barreiro Fernández, as alarmas mobilizaron por este sistema a 200.000 persoas e 17.000 oficiais, elixidos polo pobo, que fixeron fronte á invasión das tropas napoleónicas para defender o seu e aos seus.
Esa foi a clave política da primeira revolución popular galega do XIX e esa debería ser a chave coa que en Vigo deberíamos abrir, fóra de calquera exacerbado localismo ou da exaltación de glorias e enseñas militares (que non veñen ao caso), este ano a efeméride da Reconquista e o vindeiro o bicentenario do recoñecemento da cidade como tal. A Reconquista non pode ser máis ca unha festa cívica e popular compartida por todos os sectores sociais vigueses. Dende esta perspectiva é posible repensar o modelo de celebración da efeméride proporcionándolle unha dupla proxección: a primeira a de intensificar o ritmo do proceso de reconquista cívica do Casco Vello como un espazo urbano identitario de encontro e convivencia; a segunda a de convertir esta data no referente cívico e popular da planificación estratéxica da cidade e do seu carácter metropolitano.
Afortunadamente a primeira proxección xa está en marcha dende hai anos, grazas ao esforzo dos veciños do Casco Vello que promoven contra vento e marea a invención dunha festa civil que constitúe un pretexto necesario para que o resto dos vigueses reconquistemos durante unhas horas as ruelas dun barrio que o desarrollismo franquista e a desidia das corporacións democráticas abandonaron no esquezo e na degradación. Esta festa popular e laica (algo tamén moi meritorio) constitúe unha oportunidade para descubrir as mudanzas que se están producindo no Casco Vello, para coñecer as edificacións patrimoniais recuperadas ou en proceso de selo, para gozar da peonalización ou para visitar o renovado tecido comercial e hosteleiro do barrio. A Reconquista é a festa primeira do Casco Vello.
Porén, a segunda proxección está por desenvolver. O acto institucional artellado arredor da entrega dos títulos de «Vigueses distinguidos» non abonda para acadala. Precísase un acontecemento de maior calado que facilite a participación popular no deseño do Vigo do novo século. A posibilidade de artellar un grande foro, congreso ou rede social virtual sobre o Vigo do 2030 ou 2050 (a cidade dos nosos netos) podería ser unha posibilidade a considerar. A Reconquista debería ser a festa do Vigo futuro.
Non está nada mal revisar a historia…nada mal, sobre todo tal y cómo a contan e rubrican, e non como foí realmente (si tenemos datos claros, como é o caso, penso..). Noraboa polo tuo artigo, como historiadora (de licenciatura mais que de hecho) penso que é necesaria a visión mais fideligna, non a mais “populachera” do cada momento, na Historia…(e sinto o meu galego, ainda controlo pouco)
maribel úbeda
Falta o artigo do meu mestre Ferrin (estudiei no Santa Irene) coa sua visión imperialista da nosa historia. Resumindo e indo o cerme do seu repetido pensamento : Si os imperialistas son bos (republicamos, marxistas-leninistas,..) o que fan é liberar o pobo ainda que para elo os pasen a sangue e lume. E si o pobo esta comandado por reaccionarios (lease todo o espectro ideolóxico salvando a fpg) pois non pasa ren, estalles ben por pailans.