Play-Doc premiado en Culturgal
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Festival Play-Doc de Tui, Premio do Público en Culturgal 2017:
Unha das mellores noticias do Culturgal 2017, celebrado en Pontevedra a pasada fin de semana, foi a concesión do Premio do Público a Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui. Este recoñecemento outorgado por votación dos internautas entre tres propostas da asociación Culturgal, a que resultou gañadora, a do Portal das palabras da Real Academia Galega e da Fundación Barrié e a do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), engadíase aos premios que en edicións anteriores recibiron en Culturgal o Salón do Libro de Pontevedra, o programa Diario Cultural da Radio Galega, o festival Curtocircuito de Santiago e o Festival Agrogay da Ulloa. Iniciativas de promoción e difusión cultural dos eidos do cine, da música, do teatro e da lingua e literatura que expresan a excelencia e o interese dalgúns emprendementos culturais que se desenvolven ao longo de todo o país, a maior parte das veces esquecidos ou non valorados como merecen.
Este é o caso do Play-Doc, o singularísimo festival de cinema de Tui, nacido no mes de marzo de 2005 co propósito de establecer na cidade fronteiriza un punto de encontro e unha plataforma de exhibición para realizadores de cine de non ficción de todo o mundo. Un soño acuñado daquela por Sara García e Ángel Sánchez, directores do certame dende o seu inicio, consolidado hoxe como un festival de cine periférico independente e arriscado, alicerzado sobre un público numeroso e esixente (8.000 espectadores na última edición), capaz de transformar o Teatro Municipal de Tui nun espazo extraordinario para o diálogo e o intercambio. Ás portas da décimo cuarta edición, que se celebrará do 26 de abril ao primeiro de maio de 2018, Play-Doc preséntase como un festival de referencia no ámbito do cine documental, sendo considerado pola asociación Best Film Series de Nova York como “unha das dez citas cinematográficas máis excitantes do mundo”, o que constitúe un fito para o propio festival e para a historia do cine en Galicia.
Nas edicións máis recentes Play-Doc explorou con éxito as últimas tendencias do cine de non ficción en todo o mundo, un xénero emerxente que durante as dúas últimas décadas experimentou un estourido de creatividade. Un festival singular no formato, onde coexiste unha sección oficial de competición internacional, onde se valoran arredor de 700 traballos procedentes de 66 países, con outras seccións dedicadas á exhibición de títulos raros, polémicos ou censurados ou coas retrospectivas dedicadas a cineastas aclamados como os irmáns Maysles, Artavazd Pelechian, Charles Burnett ou o franco-canadense Dominic Gagnon, dando espazo tamén na programación a sesións de música ao vivo (o Play-Doc Live!), en colaboración co Festival Sinsal, e a unha dimensión formativa por medio da organización de obradoiros e clases maxistrais de cineastas. Un festival internacionalizado que conta coa colaboración da sala Metrograph de Nova York e que estende parte da súa programación a diversos centros de arte contemporánea da península, contando mesmo cunha versión televisiva (Play-Doc TV) integrada na plataforma R Televisón, o que facilita o acceso a distancia doutros públicos.
Xaora, outro fito moi relevante de Play-Doc é dende o inicio a súa atención preferente ao cinema galego de non ficción máis actual, tanto pola sección específica a el dedicada, na que se presentaron en 2017 unha ducia de traballos, entre eles algunhas estreas, como pola súa contribución á difusión no estranxeiro, organizando programas no Dokufest de Kosovo, no Citeina Universitaire de Paris ou no Town Hall de Nova York, así como noutras citas cinéfilas en diversas cidades da península. En definitiva, Play-Doc é unha desas alfaias do emprendemento cultural galego, un pequeno gran festival alternativo onde se dan cita cineastas, programadores e críticos de relevancia nacional e internacional, xunto a un público masivo e heteroxéneo, que é, quizais, onde radica a súa forza e a súa exitosa continuidade.
É o máis esperanzador de Play-Doc é que non se trata dun caso único, xa que forma parte dese tecido de certames cinematográficos independentes que cos medios xustiños e co talento e teimosía dos seus organizadores se desenvolven con tanto pulo na provincia de Pontevedra: o Festival de Cans do Porriño, o FIC de Bueu, o Curtas Film Fest de Vilagarcía, o Festival Novos Cinemas de Pontevedra, o Festival Primavera de Cine de Vigo e o Festival de Curtas Armadiña de Poio. Listado ao que cómpre engadir outras citas ineludibles como o Festival Curtocircuito de Compostela ou o S8 Mostra do cinema periférico da Coruña que sitúan a Galicia como espazo de referencia de exhibición do cine de non ficción. Un milagre do noso emprendemento cultural alternativo que merece todos os apoios.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir