Onte 944: «Luzes» no taxi
Subo nun taxi e atopo na bolsa do asento varios numeros da revista Luzes a disposición do viaxeiro. Marabilla! O taxi como espazo para a lectura sosegada entre o rebumbio da cidade revolcada. Eis unha fórmula inédita de fomento da lectura e de xanela para a visibilidade do xornalismo impreso de calidade. Cando vou pagar a carreira solicito ao condutor permiso para tirar unha foto, ao tempo que abeizoalo entusiasmado pola súa iniciativa. Quedei pampo cando me asegurou que o seu non era un caso único, que os exemplares de Luzes estaban rulando noutros taxis vigueses. Asegureille cun aceno cómplice que os suscritores axiña contariamos co exemplar do mes de abril. Abofé que esta cidade sempre depara sorpresas e ledicias inagardadas.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir