Onte 929: O folclore triunfa na Reconquista
O éxito popular da festa da Reconquista amosa a escasa relación entre a lectura política do acontecido en 1809 e a ansia dunha comunidade local por contar con raíces.
Énchenos de fachenda o apoxeo do vestiario de época, para moitas persoas o mellor testemuño desta presenza do pasado no presente, aínda que nalgúns casos, como o dos membros do equipo de goberno do alcalde Caballero, pode chegar a excesos do localismo máis ridículo. Outrosí sucede coa presenza do folclore en cada recanto e praza do Casco Vello. Na Reconquista é absoluto o protagonismo da música galega de raíz, interpretada polas máis diversas agrupacións, dende grupos de gaiteiros e pandeireteiras a outras formacións de música e de danza (que colle tamén moito pulo) de noso. Semella que detrás deste fenómeno está o traballo paciente da E-trad e doutras agrupacións de música popular galega; froitos maduros que converteron durantes tres días ao Casco Vello nun Serán interminable e emocionante.
Diante deste pulo do vestiario e da música tradicional e coñecendo os datos do uso do galego na cidade de Vigo, é doado conxeturar se non estaremos achegándonos ao modelo bretón e gaélico no que a comunidade conserva e agarima de forma fachendosa o seu folclore, mais abandona silente o emprego do idioma coma a súa lingua de instalación habitual. No entanto, hoxe esa hipótese é pesimista de máis, xa que como sucede no estadio de Balaídos na festa da Reconquista o galego é a lingua oficial do programa mais tamén a empregada pola maioría dos participantes. E non esquezamos que o proxecto histórico dos galeguistas foi que folclore e lingua fosen sempre da man, formando parte do mesmo proxecto normalizador que abrangue ao conxunto da sociedade. Orgullosos do noso vestiario, da nosa música e da nosa fala. Terra a Nosa!
Beizóns, pois, aos organizadores da festa da Reconquista por días tan vividos en clave galega. Os membros da Asociación Veciñal Casco Vello, presidida polo noso admirado Cándido Pérez Betanzos, merecen o noso recoñecemento e gratitude polos seus afáns.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir