Onte 921: «Funambulistas» de Mercedes Leobalde, premio Ánxel Fole de narrativa

Lugo_22-03-2014_Praza_Maior

Viaxamos a Lugo (ía frío) para participar na reunión do xurado do Premio Ánxel Folle de narrativa convocado polo concello de Lugo. Marica Campo, Olga Novo e máis eu decidimos outorgar o premio, entre as sesenta e dúas obras participantes (si, 62), á ultima das presentadas, a identificada co número 62, Funambulistas (lema «Piñata«), que resultou ser de Mercedes Leobalde (@Brancasombra). Como sucedeu outras veces nas que participei nun xurado literario, lamento que ademais da gañadora non puidésemos ter premiado ademais un par de obras de excelencia e grande interese, coma nesta ocasión foron as presentadas cos lemas «Luca Pacioli» e «Jane Doe», para as que agardo a mellor fortuna.

Funambulistas, a gañadora, é un libro de vinte e cinco relatos, a maior parte deles moi breves, apenas un par de páxinas, algúns entremesturados, que finalmente acaba conformando unha novela sobre a fraxilidade contemporánea, na que todas as persoas dunha ou doutra maneira vivimos na corda frouxa, ao fío das consecuencias do inagardado ou do fortuíto. Escritos nunha prosa esencial, depuradísima, sintética, moi cálida e divertida (lembroume a de Carlos Casares), empregando unha diversidade de voces (con preferencia pola primeira) e de procedementos narrativos, Funambulistas denuncia un tempo de desigualdade e violencia cos humildes, sobre todo coas mulleres, mais no que é posible enxergar a esperanza e o inconformismo ganduxado cos fíos dun humor moi sutil e da proximidade do cotián. Relatos inesquecibles pola potencia da súa brevidade centraminada como «Negrón», «Tatoo» ou «Amencer», co que pecha o orixinal, combinánse con outros como «My sweet love», «Lúa contra o baleiro» ou «O Porsche e o caracol», onde se vai densificando o relato nas marxes do concepto de novela. Non é casual que nun dos relatos, «Declaración de amor do xadrecista», a voz narradora diga: «Porque todos somos funambulistas nesta vida, pero a vós me enfronto, case infecta, porque asumo que nalgún momento da partida, se esta paga a pena, a guerra a grande escala é inevitable». Unha frase de «espírito funambulista», case anticipatoria do sucedido onte en Madrid, onde millóns de persoas participaron na Marcha da Dignidade.

Tempo haberá para debullar devagariño esta marabilla que é Funambulistas, unha obra que aventuro terá unha gran acollida da crítica e dun lectorado interxeracional, que rematará emocionado e rendido a súa lectura. Ledicia, ademais, incrementada pola posibilidade que este premio supón de incorporar ao noso catálogo a unha nova narradora, Mercedes Leobalde, á que apenas coñeciamos polo Facebook, tras a publicación do seu primeiro libro de poemas, Chamádeme Eva, gañador no 2012 do VII Premio de poesía erótica Illas Sisargas, convocado polas edicións Caldeirón e o Concello de Malpica. Parabéns por este Funambulistas, que moito os merece.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *