Artigos

Onte 1317: Literatura da esperanza

XG00199601A presentación onte na Feira do Libro de Compostela de Funambulistas, o libro de relatos de Mercedes Leobalde, gañador do Premio Ánxel Fole 2014, coincidiu felizmente coa publicación dunha anotación de lectura do escritor Antón Riveiro Coello. «Un texto fresco e ben orixinal que está a altura da nosa mellor narrativa curta», afirma o autor de Laura no deserto, para quen «a dor, a violencia machista, a inmigración, a maternidade prematura ou o suicidio son algúns dos temas destes vinte e cinco micorrelatos tan suxestivos sometidos por un equilibrio e unha ironía que deixa pouso e nos obriga a reflexionar cando chegamos ao remate de cadansúa historia.» Como sinalamos onte na presentación de Compostela, as páxinas de Funambulistas forman parte da biblioteca da literatura da esperanza, aquela caligrafada sobre o inconformismo e a resistencia, a que enxerga un horizonte de luz para os seres humanos, a pesar de vivir situacións límites.Moi recomendable.

Onte 1253: Chegou «Funambulistas»

XG00199601Onte comezaron a chegar ás mesas de novidades das librarías os primeiros exemplares de Funambulistas, o primeiro libro de narrativa de Mercedes Leobalde. Como membro do xurado que lle outorgou o Premio Ánxel Fole 2014, convocado polo concello de Lugo, xunto a Marica Campo e Olga Novo, vivín o entusiasmo que a todos os tres nos provocou a lectura dun orixinal escrito con prosa esencial, depuradísima, coa intención de representar a fraxilidade contemporánea. Vinte e cinco relatos, a maior parte deles moi breves, apenas dúas ou tres páxinas, unhas veces vinculados, outras independentes, protagonizados por personaxes que viven ao límite, na corda frouxa, á intemperie, ao abeiro do inagardado ou fortuíto. Un libro sobre a vulnerabilidade e a carencia como síntomas do noso tempo de precariedade, onde por fortuna, a autora enxerga aínda unha raiola de esperanza contida. Aventuro que Funambulistas será un dos libros dos que falaremos con frecuencia esta tempada.

Onte 921: «Funambulistas» de Mercedes Leobalde, premio Ánxel Fole de narrativa

Lugo_22-03-2014_Praza_Maior

Viaxamos a Lugo (ía frío) para participar na reunión do xurado do Premio Ánxel Folle de narrativa convocado polo concello de Lugo. Marica Campo, Olga Novo e máis eu decidimos outorgar o premio, entre as sesenta e dúas obras participantes (si, 62), á ultima das presentadas, a identificada co número 62, Funambulistas (lema «Piñata«), que resultou ser de Mercedes Leobalde (@Brancasombra). Como sucedeu outras veces nas que participei nun xurado literario, lamento que ademais da gañadora non puidésemos ter premiado ademais un par de obras de excelencia e grande interese, coma nesta ocasión foron as presentadas cos lemas «Luca Pacioli» e «Jane Doe», para as que agardo a mellor fortuna.

Funambulistas, a gañadora, é un libro de vinte e cinco relatos, a maior parte deles moi breves, apenas un par de páxinas, algúns entremesturados, que finalmente acaba conformando unha novela sobre a fraxilidade contemporánea, na que todas as persoas dunha ou doutra maneira vivimos na corda frouxa, ao fío das consecuencias do inagardado ou do fortuíto. Escritos nunha prosa esencial, depuradísima, sintética, moi cálida e divertida (lembroume a de Carlos Casares), empregando unha diversidade de voces (con preferencia pola primeira) e de procedementos narrativos, Funambulistas denuncia un tempo de desigualdade e violencia cos humildes, sobre todo coas mulleres, mais no que é posible enxergar a esperanza e o inconformismo ganduxado cos fíos dun humor moi sutil e da proximidade do cotián. Relatos inesquecibles pola potencia da súa brevidade centraminada como «Negrón», «Tatoo» ou «Amencer», co que pecha o orixinal, combinánse con outros como «My sweet love», «Lúa contra o baleiro» ou «O Porsche e o caracol», onde se vai densificando o relato nas marxes do concepto de novela. Non é casual que nun dos relatos, «Declaración de amor do xadrecista», a voz narradora diga: «Porque todos somos funambulistas nesta vida, pero a vós me enfronto, case infecta, porque asumo que nalgún momento da partida, se esta paga a pena, a guerra a grande escala é inevitable». Unha frase de «espírito funambulista», case anticipatoria do sucedido onte en Madrid, onde millóns de persoas participaron na Marcha da Dignidade.

Tempo haberá para debullar devagariño esta marabilla que é Funambulistas, unha obra que aventuro terá unha gran acollida da crítica e dun lectorado interxeracional, que rematará emocionado e rendido a súa lectura. Ledicia, ademais, incrementada pola posibilidade que este premio supón de incorporar ao noso catálogo a unha nova narradora, Mercedes Leobalde, á que apenas coñeciamos polo Facebook, tras a publicación do seu primeiro libro de poemas, Chamádeme Eva, gañador no 2012 do VII Premio de poesía erótica Illas Sisargas, convocado polas edicións Caldeirón e o Concello de Malpica. Parabéns por este Funambulistas, que moito os merece.