Onte 771: O galego de primeira
Este apoio do Celta de Vigo á lingua galega vale o seu peso en ouro. Un modelo de comportamento empresarial socialmente responsable, unha iniciativa activadora de autoestima pola lingua propia nun entorno en aparencia cada vez máis desgaleguizado. Ben sabemos que a utilización do galego na megafonía de Balaídos remóntase ás corporacións de Manuel Soto, hai case tres décadas, incluída na primeira ordenanza de normalización lingüística. Porén nos últimos anos déronse novos e importantes pasos galeguizadores en Balaídos, especialmente o darlle carácter oficial a versión galega do himno celeste e á utilización do galego de forma unánime polas peñas. No entanto, o de onte constitúe un feito histórico, xa que o Celta como institución, o seu cadro de xogadores e técnicos, son os que de forma entusiasta protagonizan esta peza viral, que no primeiro día xa tivo máis de tres mil visionados. Ademais, a iniciativa «Gústame…» da CTNLG, presentada no último Culturgal, despois de pasar por centros educativos e eventos diversos, amosa outra volta a súa eficacia: directa, divertida, persoal, transversal, inclusiva, agarimeira. Gústame o galego do Celta, gústame o galego de primeira. Beizóns ao Real Club Celta e aos promotores desta marabilla.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir