Onte 770: O recurso de casación da RAG no Supremo
O comunicado de onte de Prolingua salienta a importancia da admisión por parte do Tribunal Supremo do recurso de casación presentado pola RAG sobre o decreto de plurilingüismo. Ademais de abeizoar ao equipo de xuristas que preparou o recurso da Academia e conseguiu que fose admitido (o que sabemos é moi difícil), cómpre sinalar, canto menos, tres cuestións de feito tan relevante. A primeira, é posible a derrogación total do decreto e a elaboración dun novo a partir dos contidos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004. Esta admisión supón unha raiola de esperanza para os defensores da lingua galega no difícil proceso de restauración dunha política lingüística que capacite a todo o alumnado acadar a dobre competencia nas dúas linguas oficiais (o horizonte irrenunciable para o futuro do idioma galego). A segunda, no contexto actual da crise do modelo autónomico, a loita polos dereitos lingüísticos e a defensa do noso idioma supón unha complexa batalla de carácter social, político e tamén xurídico (tres eidos imprescindibles). A terceira, a Real Academia Galega ten un papel esencial nesta defensa xurídica da lingua galega, até levar a batalla (se fose necesario) ás máis altas instancias españolas e europeas. Sabemos que o dano provocado polo decreto de plurilingüismo está feito, que o retroceso na utilización do galego como lingua vehicular foi importante, que o Goberno Galego non incorpora as mudanzas impostas polas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; porén, noticias coma a que comentamos veñen «alumear de novo as tebras» da lingua de todos e todas.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir