Onte 768: Xerfas de Antón Sobral
Nas anotacións que teño lido sobre a entrega dos Premios da Crítica Galicia apenas foi mencionada a serigrafía do pintor Antón Sobral que recibiron todos os participantes no xantar. Unha mariña na que o mestre da vida lenta volve sobre os motivos que lle son propios, os das xerfas de intensidade branca na que visualmente sentimos o recendo euforizante da maruxía, unha mestura proteica de salitre e pedramol. Nesta serigrafía do noso vixía do mar percibimos a precisión da súa ollada sobre o horizonte mariño, apenas unha liña entre as gamas dos azuis. Como sinalou Bieito Ledo, o presidente da Fundación, nas súas palabras de benvida, na mariña sobraliana intuimos a presenza dunha pequena traíña no mar de Vigo para remarmos xuntos. Encadrarémola para tela presente no noso estudio. Grazas, Antón, amigo noso do mar.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir