Onte 614: ILP Valentín Paz Andrade
Levei unha alegría cando souben da aprobación por unanimidade do Parlamento Galego da toma en consideración da Iniciativa Lexislativa Popular Valentín Paz Andrade. O ensino preferente da lingua portuguesa no noso sistema educativo non universitario e a promoción da nosa lingua na lusofonia e da cultura portuguesa en Galicia supoñen un feito histórico. Lembrei de contado ao meu amigo Nelson de Matos, que vive uns momentos moi díficiles. Nelson, o editor portugués que máis se ten preocupado pola literatura galega actual (publicou a Rivas, Fernández Paz e Rosa Aneiros, entre outros autores e autoras de noso), adoita definir a relación entre Galicia e Portugal coma a de «dous irmáns virados de costas». A partir da aprobación desta iniciativa política, os irmáns deben recoñecerse de fronte colléndose das mans para percorrer un camiño compartido. Non hai dúbida que dentro da estratexia de proxección exterior da cultura e da economía galega os espazos da lusofonía (tanto o peninsular, Brasil, coma os territorios africanos) constitúen os nosos obxectivos preferentes. Outrosí sucede coa comunicación, transferencia e colaboración coa industria cultural lusófona (cinema, televisión, literatura, música…) onde tamén deberiamos atopar os nosos primeiros parceiros. Parabéns a Morell e ao resto dos promotores duna iniciativa política e económica que abre unha xanela de esperanza para Galicia.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir