Onte 526: Méndez Ferrín homenaxea a Xosé Ramón Pena
Xosé Luís Méndez Ferrín aproveitou a presentación de Como en Alxeria en Librouro para realizar unha homenaxe a Xosé Ramón Pena. Comezou o presidente da Academia Galega situando a Moncho Pena como «un dos escritores galegos a revisar no seu conxunto, xa que está na plenitude da vida», definíndoo despois como erudito, catedrático, grande historiador da literatura galega, poeta e magnífico novelista. Ferrín reivindicou o carácter erudito dun autor que «na humildade e na discreción ten outras das suas virtudes».
«Xosé Ramón Pena é un grande historiador da literatura galega. É o único ser humano que fixo unha historia da literatura galega completa. É un coñecedor pleno de toda a literatura nosa, dende a Idade Media ás Vangardas. É impensable non atoparse cos seus textos se queremos abordar calquera dos períodos ou autores da literatura galega», dixo Ferrín para insistir despois na importancia que «Moncho nos seus estudos citase sempre aos seus contemporáneos». Especial importancia concedeulle Ferrín ao ingreso de Xosé Ramón Pena no vello instituto, «na súa obra está latexando o vello modelo de catedrático de instituto, na mesma tradición de Xoán Vicente Viqueira, Ramón Otero Pedrayo ou Xosé Fernando Figueira Valverde, onde radica a pedra principal dos estudos da literatura galega, foi no instituo onde se descubríu a natureza da nosa literatura». «Pena é un coñecedor de linguas clásicas e contemporáneas. Un políglota capaz de ler en moitos idiomas, o que o coloca no universo da Xeración Nós. Busca as novidades directamente, sen pasar polas alfándegas de Babelia, o que o fai un independentista malgré soi, e mesmo un comunista, a pesar de declararse socialdemócrata. Moncho é todo corazón. É un home que sabe rock and roll», apuntou retranqueiro Ferrín.
Detívose despois o autor de Arraianos na condición de Xosé Ramón Pena como «magnífico novelista desa xínea da que os lectores pegamos nas súas obras até acabalas, xa que todas as súas novelas son dixestibles, engaiolantes, desas que non acabamos nunca de separarnos porque nos atraen». Lembrou Ferrín O reverso do espello, a primeira novela de Pena, tamén a primeira que nos coloca nun mundo histórico. «Xosé Ramón Pena é un novelista histórico. Pode ser a contrarrevolución portuguesa ou a guerra da independencia alxeriana, sitúanos dentro dun problema sendo capaz de ser crible historicamente e suficientemente falso. “Foi así, pero non foi así”, xa que se trata dunha novela que como tal precisa de efectos de verdade». Rematou Ferrín falando de Como en Alxeria, «unha novela que conta unha historia que ten relación con aquel episodio tan duro da historia de Europa». «É unha novela sobre a irrupción dun grupo con cabeza e pensamento que intentou transformar a sociedade. Unha novela na que aparece o reflexo dunha gran polémica política que tivo lugar en Galicia. O enfrontamento do grupo de Piñeiro de Galaxia co da UPG. A historia non foi así [como aparece relatado na novela de Pena], pero o sentido da historia si». Ferrín finalizou advertindo que «esta non é unha novela con chave, o que lle dá un sentido moi feliz. Os personaxes reflíctense noutros, coma nun petróglifo, coma no grande xogo dos espellos, coma na grande literatura, coma na primeira novela de Xosé Ramón Pena».
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir