Onte 523: A tristeza de Beiras
Grazas a You tube puiden ver á noite algunhas das intervencións do pleno do Parlamento galego en xornada pouco axeitada como a dun martes de entroido. Os dous discursos de Beiras, senllas pezas oratorias tan amargas coma luminosas, expresaron o seu profundo desacougo polo que denomina «dexeneración do Parlamento de Galiza». E polo visto e lido sobre o que ocorreu onte na cámara hai razóns abondas para a preocupación expresada polo líder de Anova.
A expulsión dun parlamentario de AGE na sesión da mañá, como hai quince días foi o intento de impedir a presenza na bancada dos convidados dos grupos da oposición, como o rigor extremo da presidencia na interpretación do regulamento con respecto aos deputados da oposición, son síntomas dun clima parlamentario áspero, froito da preocupación dos responsables populares da Mesa (como entendo do propio Goberno Galego) pola presenza e protagonismo na cámara dos grupos nacionalistas, especialmente de Beiras e dos seus «descoñecidos» deputados E non lles falta razón aos conservadores, xa que por moito que pese ao BNG e PSdeG-PSOE, nesta lexislatura a entrada dos membros de AGE activou no hemiciclo unha axenda e unha linguaxe política máis achegada ás preocupación cidadás, onde (como puidemos ver onte) se emprega con sutileza a sátira e a ironía e as cousas se chaman polo seu nome. Un gran acerto, unha nova atmosfera que abre horizontes para o traballo de toda a oposición.
A intervención de Beiras sobre as preferentes e subordinadas testemuña esta proximidade fraterna dun político humanista capaz de conmover e mobilizar coas súas palabras en sede parlamentaria. A coda da peza oratoria, apelando á corresponsabilidade cidadá para erradicar a corrupción de banqueiros e poderosos («a corrupción non está na política, está na sociedade», enfatizou Beiras alporizado), amosou a tristeza e sabia indignación de quen nestes momentos encabeza de facto a oposición parlamentaria e social en Galicia. Admirable Beiras!!!
Publicado en Galicia Confidencial.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir