Onte 510: Anunciando as novidades
Intensa tarde de presentación do programa de novidades para este primeiro semestre diante da nosa comercial. A pesar da inevitable redución do número de títulos, non podemos agochar a nosa ilusión pola diversidade e calidade desta xeira editorial. Nos próximos meses en Xerais Narrativa aparecerán novas novelas de Carlos Reigosa (A vitoria do perdedor), Hixinio Puentes (Winnipeg), Manuel Portas (Faneca brava) e Xabier Paz (As vidas de Nito). En Crónica Suso de Toro regresara aos andeis das librarías con Inmaterais e Valentina Formoso publicará Do estigma á estima, un ensaio sobre a lingua galega e o alumando da Educación Secundaria. A obra dedicada á celebración do Día das Letras Galegas será Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro de Roberto Pascual. Tamén celebraremos o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos coa edición do texto alboral de Rosalía de Castro preparada por Anxo Angueira, así como polo ensaio de Fernando Pereira sobre a iconografía rosaliana. María Reimóndez e Olga Castro publicarán o ensaio Feminismos e Anselmo López Carreira a súa Historia de Galicia, a primeira no catálogo de Xerais. En Fóra de Xogo, a colección xuvenil publicaremos senllas novelas de Ramón Caride (Endogamia 0.2) e Manuel Lourenzo (Flor de area). Tamén de carácter xuvenil é Amor de serea, a terceira entrega da serie Tintimán de Jaureguizar, e Reckless 2. Vida nas sombras de Cornelia Funke. Nas coleccións infantís terán novidades, entre outros, Agustín Fernández (Desde unha estrela distante), Ánxela Gracian (As palabras do silencio), Xelís de Toro (O gato fantasma) e Antonio Garcia Teijeiro, antoloxía da súa poesía infantil (Un rato díxolle a lúa). Por último, tras cinco anos de edición, aparecerá Tastarabás. Enciclopedia dos brinquedos tradicionais de Antón Cortizas, unha obra monumental, máis dun milleiro de páxinas a cor, que recupera un dos eidos da nosa etnografía viva.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir