Onte 302: Xardín de inverno
Aproveito as primeiras horas do serán da fin de semana, tras unha intensa reunión da Fundación Premios da Crítica Galicia, para dedicalas á lectura de Xardín de inverno, o libro de poemas de Ledicia Costas ilustrado por DNL e editado por Everest na súa colección Punto de Encontro. Un volume fermoso, moi fermoso, tanto polos poemas de Ledicia, como polas fotografías e o deseño dos interiores preparado por Daniel Puente Bello (DNL), dous dos artistas mozos cuxo traballo máis me ten sorprendido e impactado nos últimos meses. Ledicia escribe dende a desolación que lle produce a morte da avoa («aquel día o ceo tinguiuse de espanto»), escrutando nos territorios da memoria da infancia («por iso decidín empezar a construír / e inventei o xardín de inverno: / para gardar a tristura en bolsas de chuvia / e manter á mala sorte ben afastada de nós»). Versos nus de retórica («daquela a vida doeu tanto, / que quixen aprender a camiñar cara atrás / para non perdela nunca de vista») que facilitan unha viaxe expiatoria («quedo bloqueada na expresión do seu rostro») e superadora da ausencia («a miña avoa morreu / levou con ela o corazón figueira / a súa sombra de estío»). Un texto emocionante, conmovedor, mesmo nalgúns versos terrible, mais que tamén ofrece gromos de esperanza. As fotografías coidadísimas de DNL –empregando as posibilidades dos macros e das transparencias, esculcando coa precisión dun cirurxíán os perfís das sombras de elementos naturais e arquitectónicos– son capaces de ofrecer un discurso paralelo, transformando o libro nunha obra máis sinestésicoa ca metafórica. Parabéns a Ledicia e Daniel e, tamén, a miña admirada Irene Penas Murias, unha editora extraordinaria capaz de xuntar a ambos os dous talentos. Beizóns para todos os tres!!!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir