Onte 1935: Culturgal 2017, un culturdez
Tras case unha semana moi intensa de traballo, o domingo rematou o Culturgal 2017, a décima edición da Feira das Industrias Culturais. Os organizadores quedamos satisfeitos xa que os públicos volveron acudir de forma masiva ao Pazo da Cultura de Pontevedra, a pesar de que percibimos unha lixeira diminución da participación, sobre todo na tarde do sábado. Lembraremos este Culturgal pola mudanza da nosa imaxe corporativa (un acerto rotundo do mestre Pepe Barro), pola participación institucional de Portugal, que pretendemos se consolide en futuras edicións, como polo éxito tan rotundo e inagardado do novo espazo de Arte Contemporánea, onde se celebrou na tarde do domingo un acto en lembranza do pintor Manuel Moldes.
Sei que tamén lembremos este Culturgal 2017 polas asinaturas interminables da cantora Ses e da escritora Ledicia Costas, que convocaron a centos de persoas, así como o éxito dos diversos «photo call» distribuídos pola feira, un fenómeno ao que tampouco foi allea a importante proxección de Culturgal nas redes sociais. Como tamén foron un éxito as actividades profesionais do venres, tanto as organizadas por Escena Galega, AGEM e a Asociación Galega de Xestores Culturais, que abren un vieiro a explorar por outros gremios. Como foi un acerto celebrar o domingo o Día Internacional da Descapacidade, expresando a vontade de Culturgal de apostar pola cultura inclusiva como outro dos seus eixos transversais nos que afondar no futuro.
Non teño dúbidas que Culturgal está consolidado como espazo de mediación entre creadores, empresas, administracións e públicos das industrias culturais en Galicia e en galego. Xaora, como levo expresado cada ano, este modelo comeza a expresar algunhas debilidades que obrigan a repensar tanto o seu programa de actividades como o seu modelo de xestión e financiamento. E entre estas feblezas para min a principal é o seu reducido financiamento, insuficiente para manter con dignidade un evento da fasquía do actual, o que obrigará na vindeira edición a reconsiderar as achegas corresponsables de cada unha das administracións públicas participantes como a procurar no patrocinio publicitario das empresas privadas unha vía para incrementar os ingresos.
Como tamén é unha febleza do Culturgal actual as súas dificultades para incorporar de forma máis potente e atractiva a cultura dixital, tanto na organización de actividades como na propia comunicación cos seus públicos, sobre todo o adolescente e xuvenil, hoxe moi afastados da feira. Outrosí sucede coa excesiva dependencia de Culturgal da rexión urbana Compostela-Vigo, o que obriga aos organizadores a procurar fórmulas de integración territorial dunha feira que naceu con vontade inequivocamente galega no que atinxe a procedencia xeográfica de expositores e dos seus públicos.
Despois de catro anos, sei que vou lembrar cun chisco de saudade este Culturgal 2017 como o derradeiro no que fun presidente dun proxecto mancomunado tanto na súa concepción como na execución. Hoxe a miña gratitude é maior para o medio cento de profesionais que fixeron, unha vez máis, posible a fantasía de Culturgal, dende Xosé Aldea, o director do equipo, Cecilia Carballido e Arancha Estévez, responsables de Produción e Comunicación, até Antón Sobral e Paula Caballeiro, comisarios do espazo de Arte Contemporánea. En todo caso, expreso as miñas desculpas polos erros que puideramos ter cometido e os meus parabéns a todas e cada unha das persoas que achegaron o seu pulo de orgullo e entusiasmo para facer deste un auténtico Culturdez (roubándolle a palabra ao admirado Ramón Rozas). Longa vida a Culturgal!!!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir