Onte 1869: Falando de Casares no Club Faro de Vigo
Resultou moi interesante o retrato que de Carlos Casares perfilamos no serán de onte no Club Faro de Vigo. Moi lonxe dos ditirambos haxiográficos e tópicos tan ao uso nestes días do 17, Gustavo Adolfo Garrido, Iolanda Galanes e Hakam Casares foron capaces de ofrecer unha imaxe desmitificadora dun Casares moi próximo que entusiasmou aos asistentes.
O seu amigo Gustavo Garrido foi capaz de sintetizar a obra e vida de Casares en tres marcas e cinco presenzas decisivas. «As marcas da sinxeleza da forma da escrita, onde non hai atrancos para o lector; a vida como principal tema literario e a importancia da morte. As presenzas convertidas en encrucilladas foron, a primeira, coñecer a Risco en 1959; a segunda, a Piñeiro en 1962, no primeiro ano de universidade; a terceira, a Kristina Berg en 1971; a cuarta, a relación con Torrente nos anos oitenta en Baiona e a quinta, a escritura xornalística, que en 1992 pasou de ser esporádica a diaria, o que lle deu un coñecemento enorme, moi superior ao que acadaran até entón as edicións dos seus libros.»
A profesora Iolanda Galanes fixo o retrato literario de Casares, dende os seus inicios como poeta, compartindo a antoloxía publicada en La Habana en 1970 con outros poetas da súa xeración, pasando polo carácter innovador de calquera da sobras narrativas, até o feito de ser o primeiro escritor galego que contou con axente literaria, Mercedes Casasnovas, o que lle permitiu ser un autor traducido ao castelán, inglés, catalán, éuscaro, italiano, alemán, francés, bretón, ruso, ucraíno. «A obra de Casares non acabou, continúa sendo traducida e interesa, como demostra as publicación recentes de traducións de Ilustrísima ao francés e ao inglés», sinalou Galanes, antes de salientar a importancia da tarefa de Casares como «embaixador de todos nós».
Hakam Casares, o fillo maior de Carlos, contou a vida do seu pai en apenas un cuarto de hora de forma tan brillante como emocionante. Lembrou o primeiro contacto de Carlos co galego en 1941 cando na parroquia de Lamas, en Xinzo, gozou da experiencia da narración popular, o pasatempo principal da época. «O avó Pacó, mestre que lle deu a primeira instrución, era tamén un gran narrador. En cada unha das súas intervencións pretendía facer un relato, o que se convertiu nunha tradición familiar». «Logo marchou ao seminario de Ourense, onde entra en contacto coa cultura, alí había unha biblioteca, moitas cousas para aprender, tanto como lector como escritor. No seminario leu a súa primeira redacción, algo decisivo para el, a pesar de ser apenas un exercicio de clase, e ali fixo o seu primeiro periódico El Averno, cunha tirada dun só exemplar. Cansouse e regresou a Xinzo onde preparou por libre o acceso á Universidade. En Xinzo entrou en contacto co bibliotecario que chegou a deixarlle a chave da biblioteca.»
Seguiu Hakam relatando que en Compostela o seu pai comezou escribindo poesía, pero «pola influencia de Piñeiro abandonouna decontado, xa que consideraba estaba máis dotado para a narrativa». «Pouco despois coñeceu a Kristina. Foi todo unha casualidade. Ela era mariñeira e tiña a idea de dar unha volta ao mundo en barco de vela. Despois de abandonar a viaxe en Inglaterra, quería coller na Coruña outro barco sueco que a levase a América. Encontráronse nun tren de Ourense a Santiago, no que ela viña de Bilbao. O barco nunca apareceu. Casaron seis semanas despois. E a el mudoulle a forma de ver a vida. Suecia era un país aberto, tolerante, onde había igualdade e non había guerra desde hai catrocentos anos. Todo aquilo fíxolle ver a situación política de forma moi distinta.»
Hakam rematou o seu relato lembrando o paso fugar de Carlos pola política, de 1981 a 1985, «onde participou nalgúns consensos importantes como foron os da redacción da Lei de Normalización Lingüística e a creación do Consello da Cultura Galega. A el o que lle gustaba era escribir e tiña, ademais, uncompromiso grande coa editorial Galaxia.». «Lembro ao meu pai traballando todos os días. Daba a imaxe que lle gustaba a intranscedencia e o lecer, pero traballaba moito. Detrás da sinxeleza formal dos seus textos, había un gran traballo».
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir