Onte 1773: Samaín dos libros
A presentación da nova edición de Bala Perdida, a primeira novela de Manuel Rivas para público novo, coincidiu co Samaín dos Libros no que a editorial participou onte na FNAC da Coruña e na Libraría Paz de Pontevedra. Unha nova xornada a incluír no calendario do libro e da lectura para celebrar textos como estes de Manuel Rivas e Ledicia Costas.
Na presentación da Coruña o actor e director Lino Braxe e a actriz Manuela Varela, membros do cadro que levou a escena a novela do pirata Bala Perdida, interpretaron un pequeno fragmento da obra. Con anterioridade Manuel Rivas leu un par de capítulos e, antes de comezar a longa sesión de alicientes, comentou cales foron as razóns que o levaron hai case vinte anos a escribir esta súa novela para os mozos e mozas. «Quixen ofrecer unha novela que explicase de que están feitos os tesouros. Moitas veces descoñecemos que nalgúns casos os tesouros están feitos de moita dor e sufrimento, da escravitude e da suor de moitas persoas. No caso que se conta en Bala Perdida os tesouros están feitos do pesadelo que para a humanidade supuxo o nazismo e toda a súa maldade. A historia de Bala Perdida permite confrontarnos con ese lado tan escuro da condición humana, máis tamén coa ledicia da tripulación do Liberdade e deses risos dos que tamén está feita a materia humana. Pensei que malo sería que non gañase a materia da liberdade».
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir