Onte 1757: A gran novela sobre Castelao
Intensa sesión literaria a que vivimos onte na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña onde se presentou O encargo do señor Castelao de Luís Rei Núñez da man de Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, e Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña. Unha obra que foi cualificada polo presidente da Academia como “a gran novela sobre Castelao” e polo alcalde da Coruña “como a visión do Castelao cidadán, un ser humano que fixo da súa vida un exemplo de dignidade”.
Comezou o seu discurso Alonso Montero salientanto a importancia da personalidade de Castelao, “tan fecunda na súa fraxilidade, e ao mesmo tempo tan plural, que pertence ao noso país e tamén ao patrimonio da humanidade”. Alertou, despois, que o de Luís Rei Núñez “era un libro perdurable, estamos diante dunha novela,non dunha biografía de Castelao”. “É unha novela na que os episodios protagonizados por Castelao son episodios que se deron. Desque morreu Valentín Paz Andrade non sei de ninguén que nos teña ofrecido tantos datos e tan precisos sobre Castelao como Luis Rei nesta obra”. Advertiu don Xesús que “esta é unha novela na que o autor permite que os personaxes tomen as súas decisións. Quen lea este libro lerá o 99% de cousas sobre Castelao que son certas. Sobre Castelao e as súas relacións Luís Rei sábeo todo. En definitiva, lendo nestas páxinas quedei asombrado pola erudición do autor e disposición dos acontecementos de ficción”.
Comezou o seu discurso Luís Rei Núñez agradecendo as moitas persoas que o axudaron na preparación do libro, especialmente a Carlos Portomeñe. Referenciou despois o lugar da presentación, a casa de Casares Quiroga con algúns espazos coruñeses da novela, como o número 31 desta rúa Panaderas, onde no cuarto piso o pecé tiña un piso clandestino ou a proximidade do cárcere da Coruña onde foron fusilados José Gómez Gayoso e Seoane.”No libro ten moita presenza a cidade da Coruña, onde suceden cousas determinantes do que aquí se conta. A Coruña xa estaba presente en Expediente Artieda, na que se fia un retrato da Coruña popular, a que sofre. Tamén estaba n´ O señor Lugrís e a negra sombra, onde se retrataba a Coruña da bohemia, que sobrevivía nas marxes que permitía aquel réxime dictatorial. Agora volve coa Coruña da primeira década da ditadura”.
Luis Rei sinalou que “O encargo do señor Castelao é un libro histórico, pero é unha novela”. “A historia que a min me interesa e a guerra dos nosos avós, onde está a raíz do noso tempo. Todos os narradores queremos ser tusitalas, contadores dunha historia na que podemos permitirnos erros e serendipias. Manexamos varias historias que van chocando, de xeito que algunha require unha atención máxima. Aí é onde arrinca un texto, a súa epifanía, cando prende o lume. Nesta caso cando na mente de Castelao aparece o dilema moral que expresa o ánimo de vingarse”. “A novela é política, escrita desde alguén que cre na xente do común, na tendencia actual de desacralizar a unha figura como a de Castelao, na que cabe preguntarse se cheiraba só a auga bendita. Porén, Gayoso é o anxo escuro do libro. A pregunta que cabe formularse é se ese personaxe tan expeditivo nos métodos só cheiraba a xofre”. “A lección que podemos tirar é a da necesidade de mudar o mundo, afastándonos da moral cataventos, do camaleonismo, a parte dun certo adanismo, cando a xente se acustumou nalgunhas ideoloxías a manter silencio, froito do medo a expresarse, algo que seguimos padecendo neste tempo».
Rematou Luís Rei Núñez falando do novela como artefacto literario e das etiquetas utilizadas para clasificar autores, obras e xéneros. “Todo funciona nas fronteiras, como dicía o verso de Carlos Oroza, ‘dejad que el trigo crezca en las fronteras´. Como sucede coa augas das rías, as cousas, as persoas, as ideas contamínanse unhas con outras. Nesas augas híbridas sitúase esa novela. As novelas son o alimento da xente ás que o mundo non chega. Prefiro repartir dúbidas a certezas”.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir