Onte 1744: Agustín, o mestre de soños
A providencia laica provoca coincidencias fortuitas que nos emocionan. Onte coincidiu a publicación na rede do catálogo de obras de Agustín Fernández Paz en Xerais, que coidou con tanto agarimo Celia Torres, coa aparición do número 33-34 da revista Luzes que dedica a portada ao mestre Agustín e inclúe artigos sobre a súa figura do xornalista César Lorenzo, do escritor Xabier Docampo e unha lembranza miña como editor. E se non abondasen as coincidencias, onte tamén enviamos a fabricar a «edición cen mil» de Cartas de inverno, ilustrada por Antonio Seijas, e O soño do Merlo Branco, unha nova versión do conto publicado en 1999 pola editorial Everest, desta volta ilustrada por Lucía Cobo, dúas obras revisadas por Agustín durante os seus últimos meses. Coincidencias que nos provocan saudades, un baleiro de ausencia imposible de agochar, mais tamén nos obrigan a enxergar o horizonte como con certeza el faría. O mestre de soños sempre ao noso carón.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir