Onte 1664: «Testemuña» de Manuel María
Preparando onte unha intervención sobre Manuel María, que farei a vindeira semana, din con este retrato magnífico do poeta que lle fixera en 1994 Xosé Abad naquela colección titulada «Retrato Autorretrato». Unha proposta experimental na que a persoa fotografada escolleu os elementos da súa preferencia que compoñen a obra final. Manuel María optou por decorar o fondo caligrafando un seu autorretrato que escribira en 1956 e debuxando un «anxo da terra Chá». Un documento artístico hoxe moi esclarecedor que pode constituír un excelente recurso didáctico nesta Semana das Letras.
TESTEMUÑA
Estou entre a néboa, eiquí en Galiza.
Non teño dornas para navegar o mar
que peta en min, mouro e terrible.
Profesei de galego dende neno
na miña Terra Chá senlleira e longa.
Por sucos teños as miñas veas
unha soidade ferida por semente
e por terra cativa este meu corpo
feito de arxila fleve e pecadora.
Dos meus escuros beizos estas verbas
que anceian voar coma paxaros
polo ceo pequeno de min mesmo.
Agardo, ano tras ano, pola rosa
que ten de agromar fermosa e branca
para xustificar así a miña vida
escura e caladiña baixo o vento
sutil e misterioso da saudade.
E falo decote nesta música
na que canta Galiza dende sempre.Manuel María
1956 (Copia manuscrita de 1994)
Foto de Xosé Abad. (Mil grazas)
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir