Onte 1642: “De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal”
Fermoso acto na Linda Rama da Porta de Aires coruñesa no que onte presentamos De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal de Mercedes Queixas Zas. Abrimos o acto coa presentación do booktrailer do libro preparado por Distrito Xermar no que aparece a fraga do concello de Cerceda e a versión de Xoel López de “Quen poidera namorala”.
O escritor Xabier DoCampo comezou lembrando que hai quince anos presentara o primeiro libro de Mercedes Queixas, “unha persoa pola que teño un cariño grande por ela e pola súa estirpe”. Meténdose xa en fariña, Docampo definiu a historia da literatura como “a historia dun pobo que atopa nas súas preguntas e respostas a súa razón de ser”. Deste xeito, “a historia da literatura galega é a historia do pobo galego que fai real o seu paso pola historia!. “Neste libro de Mercedes Queixas atopamos a pegada que o pobo galego deixou co propósito de afirmar o soño da súa existencia”. “Se eu fose profesor de lingua e literatura, que por ventura xa non o son, este sería o único libro de texto que tería o meu alumnado”. Despois de relatar o que lle contara Juan Farias para ilustrar o nacemento do relato e da cultura, Docampo gabou a selección de textos literarios de cada capiítulo, que “completan unha auténtica antoloxía”. Rematou as súas fermosas palabras salientando que “este era un libro escrito dende o feminino e dende sermos nación”.
Comezou Mercedes Queixas explicando que “o libro nacera coa intención de facer unha historia da literatura galega sintética, breve, cunha ollada propositivamente diferente, que non contase todo nin que fose un catálogo de datas, autores e obras”. “Hai unha intención de visibilizar o papel da muller, sobre todo na literatura medieval, onde non foi todo nin pasivo nin secundario. Tamén pretendín recuperar nomes, traelos ao primeiro plano, que non están presentes noutras obras como os de Manuel Lueiro Rey, Gonzalo López Abente ou Mª do Carmen Kruckenberg. Ou nomes como os de Lois Pereiro e Xela Arias, que non poden caer no esquecemento”. Non esqueceu Queixa so papel da lingua, “que se mantivo no corpus da literatura oral” nin as referencias “a unha literatura viva que aumenta, expande e normaliza a súa expresión no xénero da literatura infantil e xuvenil, ou na tradución a outras linguas, onde se conformou un corpus xa considerable”.
Rematou Mercedes Queixas confesando as dificultades de acometer “este exercicio maiúsculo de síntese” e salientou a importancia da lectura: “dende a literatura podemos comprender e construír o mundo, se lemos máis tentaremos restaurar o desequilibrio no que vivimos, recoñecendo o propio e os valores nos que cremos”. “O título do libro apela ao espírito da literatura como un ser vivo, un ser que evoluíu, que brillou e superou momentos de asfixia”. “Temos unha literatura viva, que segue aí dende Arias Nunes á Berta Dávila, dende os pergamiños medievais á Poética.com de Fran Alonso”.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir