Onte 1550: Brétemas 11 anos
Tal día como onte hai once anos iniciei a publicación destas Brétemas. Dende entón publiquei 5.090 anotacións, das que 423 corresponderon aos últimos doce meses. Dende inicios de 2005 na rede producíronse moitas e profundas mudanzas, apareceron as redes informativas e sociais e aquel grupo inicial do blogomillo foi diversificando os seus intereses e participando en plataformas e proxectos diversos. Xaora, o afan de dietario persoal e profesional de Brétemas non variou no esencial nin na intención de modular unha voz propia nin nas súas preocupacións temáticas, resumidas no sintagma «Artes, Letras, Política e Fútbol». Con todo, no último ano arrisqueime a iniciar unha serie de comentarios moi breves (como son case todos os da serie «Onte») sobre algunhas películas de estrea e neste que se abre un dietario poético («Poema de hoxe«) co que pretendo explorarcon motivo do ano Manuel María a diversidade das voces da poesía galega.
Comparto o interese que Xabier Pérez Igrexas expresou hai uns días no seu blog Contra discurso sobre a posibilidade de reactivar ou reinventar o blogomillo, entendendo como tal o espazo creado na rede polos milleiros de blog publicados en galego. A creación dun novo servizo de sindicación dos contidos de todos os blogs, probablemente arredor do dominio punto gal; a realización dunha quedada ou encontro anual arredor do blogueo en galego ou a creación duns premios anuais que axudasen a visibilizar a súa diversidade (hai blogs en galego literarios, educativos, deportivos, científicos, xeralistas…) e a pór en valor a súa excelencia serían algunhas posibilidades a estudar. En todo caso, ofrezo a miña colaboración para participar en calquera iniciativa de fomento do blogueo en galego.
Outro aniversario máis reitero a miña convicción de que fronte a lentitude de acceso ao contido publicado nas redes sociais, sobre todo en Facebook, os blogs ofrecen a vantaxe de servir de enorme arquivo dixital, sobre todo se somos coidadosos e etiquetamos e segmentamos o contido publicado. Con esta intención continuamos con azos renovados a publicación de Brétemas. Neste 2016 agardo poida acometer un redeseño completo do blog coa intención de actualizalo ás novas posibilidades que ofrece WordPress e facelo de lectura máis amigable e consulta máis áxil. Por último, expreso as miñas beizóns a todas as persoas que len, critican, chían e comparten algún dos contidos destas Brétemas no blog, en Twitter ou en Facebook. Seguimos.
Parabens, Zorionak Joven bloguero 😉
Ahí sigues y ahí te sigo… disfrutando
Obrigado por recoller o meu chamado. Tomo nota da túa disposición, para convertermos esa arela apenas enunciada en feitos. Temos todo un ano bisiesto por diante.
Primeiro mapa da nova cartografía do blogomillo: http://contradiscurso.blogaliza.org/2016/01/12/primeiro-mapa-da-nova-cartografia-do-blogomillo/
Parabéns un ano máis.
Co teu permiso reproduzo no meu blog as ideas que tes sobre o asentamento e difusión do #blogomillo.
Apertas.
Amén.