Onte 1511: Oroza, poeta enteiro, integral e universal

Este é o meu texto de homenaxe a Carlos Oroza que publica hoxe Faro de Vigo con motivo do pasamento do noso poeta amigo.

Oroza_Manolo

Carlos Oroza, poeta maior, marchou. Tras pasear a súa derrota, procurando a inocencia, a grinalda e o poema, xa non agardará ningún barco nas avenidas. Nacido en Viveiro o 13 de maio de 1923, o noso poeta anónimo, camiñou polo rueiro vigués coa ollada á espreita, longa e profunda, a propia dun tuareg urbano disposto a abraiarse e sorprenderse. Fixo do paseo conversa e abrazo, lección moral e reflexión política intensa e fugaz, caligrafando cos seu pés un camiñar por un Vigo insatisfeito e preciso, vangardista e demorado, coma tamén é o seu poema.

«Todas las tardes paseo mi derrota por las calles de Vigo, alguna vez me paro en la orilla y espero algún barco», declarou a Faro de Vigo para expresar a razón do seu deambular ás ceibas pola nosa cidade revolcada, a que consideraba a súa cidade luz, a súa paisaxe nutricia, cidade de cristal, «o lugar máis semellante a miña idea infantil de Galicia». Afirmacións que expresaron a súa pertenza á comunidade viguesa, a pesar de ser poeta declarado sen patria nin bandeira, a voz de todos nós, capaz de facernos sentir co alento dos seus versos en Alicia (1985) o arrecendo da maruxía naquel recital memorable que deu con motivo da inauguración do museo Marco de Príncipe.

Oroza deixou nos anos sesenta as súas pegadas de poeta maldito no madrileño Café Gijón, onde fundou a revista Tropos. Da súa estancia en Ibiza en 1969 naceron os versos de «Malú», máis tarde «Évame Malú», creando as palabras que faltan, iniciando un proceso de creación léxica e reescrita permanente, dicindo o que non se di, tocando o intocable, achegando o afastado, escribindo cos pés e mans, obsesivo na procura da cerna, da esencia e da finitude.

Tras a súa viaxe a Nova York, a primeiros dos setenta, para recoller o premio internacional de poesía underground abrollaron os versos de “América”, unha homenaxe a Poe, mais tamén unha tsunami de palabras medidas, exactas, que expresaron a súa concepción da poesía como exercicio físico, respiración e silencio, melodía, cadencia e ritmo, canto e oración, concibido para ser pronunciado e escoitado. As palabras soñando que o poeta as nomea, escribindo en voz alta, procurando a outredade, organizando o caos, procurando sentido ao absurdo da existencia.

Coma segrel camiñante, regresou a Galicia, «En el norte hay un mar que es más alto que el cielo», asumindo a tradición dos trobeiros galego-portugueses. Coma Mendiño e Martín Codax, desque viviu nesta porción de terra gris do Norte, Oroza residiu no mar que foi escrito, dignificando a comunidade, apostando por unha poesía que enxerga futuro, por un texto que anuncia, que avanza o que está por vir, o que escribe unha liña que soña, que pon no pé no aire para ver dende aquel outeiro a nosa cidade iluminada.

Autor dun poema único, escrito a xeito de rolo, miniado coma un códice, corrixido até a extenuación, fixo da poesía a súa vida. Pasou necesidades, mais nunca se queixou nin nunca se dobregou. Renunciou a todo, confesou a Rogelio Garrido en 2009, nunha longa entrevista en Faro de Vigo, que «decidiu perder para gañar». Nunca se rendeu. «No es el orden ni es el tiempo el que nos da el placer».

Hai apenas dous anos, con motivo do seu noventa aniversario e da publicación polo seu editor e sostén vital, Xabier Romero, dunha edición popular de Évame recibiu unha homenaxe en Mondariz. Alí Tomás Paredes Romero, presidente da Asociación Española de Críticos de Arte, cualificouno de «poeta enteiro, integral e universal», tanto pola «universalidade do que comunica» coma pola «intensidade coa que o fai, dende unha claridade e creación léxica únicas, imprimindo un alento, un ritmo no verso que ningún outro poeta utiliza nin promove coma el». Foi unha velada literaria pechada por Oroza recitando con coraxe dous dos seus máis grandes poemas, «Évame» e «América». Quedamos con aquela lembranza inesquecible do noso poeta maior.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *