Onte 1448: O galego Gómez Noya
Javier Gómez Noya proclamouse onte en Chicago campión do mundo de triatlón, converténdose cos seus cinco campionatos no mellor deportista de todos os tempos nesta durísima disciplina. Como era previsible, a maioría das informacións publicadas en medios madrileños, dende ABC ao Público, baseadas na nota de EFE, salientaron o carácter «español» do deportista, substituíndo a súa condición de «galego» pola de ter «nacido hace 32 años en Basilea (Suíza), pero instalado desde bebé en Ferrol (Coruña)». Un revirado eufemismo que non pode ocultar que Xavier é fillo de emigrantes galegos na Suíza.
Por ventura, La Voz de Galicia non agocha a condición de galego do noso heroe, mentres que Faro de Vigo salienta o seu carácter de «ferrolano, pero pontevedrés de adopción», xa que na cidade do Lérez é onde adestra. En todo caso, estas referencias dalgúns medios foráneos, coa excepción decorosa do diario Marca, expresan os estereotipos prexuizosos existentes sobre a condición de «galego«, asociada decote a noticias negativas, mais que sen embargo é agochada cando a nosa xente protagoniza éxitos deportivos ou culturais. Todo un paradoxo que merecería un estudo detallado. No entanto, ningunha das informacións cuestiona a proeza do pentacampión, un dos mellores deportistas da historia, tan orgulloso do seu país e da súa lingua. Parabéns, moitos, Xabi!!!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir