Onte 1374: Turno alfanumérico
Acompañei onte a un familiar ás consultas externas do novo hospital Álvaro Cunqueiro, un xigante que comeza a estricarse aínda moi amodiño. Máis alá de comentar a excelente arquitectura do complexo hospitalario e a amplitude e organización da sala de agardar, que lembra á da T-4, chamou a miña atención o sistema dixital para obter os turnos de consulta. Abonda con introducir a tarxeta sanitaria nun dispositivo para recibir un tique no que figura un código alfanumérico que será o que logo apareza iluminado nas pantallas chamando polo paciente. O mesmo sistema xa utilizado nas consultas externas de Povisa que, sen dúbida, require un nivel de lectura dixital que non todos os cidadáns posúen aínda. Xaora, o novo sinalamento do Álvaro Cunqueiro, por ventura todo en galego e cun grafismo coidado, amosa a importancia de que a alfabetización informacional abranga a todos os segmentos de idade. Como ten sinalando Daniel Cassany, a lectura pública e hoxe unha competencia imprescindible para o exercicio da cidadanía e dos seus dereitos.
Observo a palabra «Turno» na imaxe. Esta non é unha palabra galega, xa que devería ser: quenda ou vez.
*debería