Onte 1370: Con Pulido en Trasalba
Non lembraba tanta xente en Trasalba como a que onte participou na homenaxe a Antón Pulido. O fillo de Bóveda de Amoeiro, o pintor da kermesse e dos músicos no abismos, recibiu o agarimo da súa veciñanza e amizades na casa grande de Cimadevila do petrucio Otero Pedrayo. A laudatio do seu amigo amigo do corazón Bieito Ledo, –equilibrada, documentadísima, fermosa no contido e na escrita–, como a intervención do propio Antón foron senllas moegas que xiraron arredor da idea da construción do país dende as artes e as letras no pouso dos afectos e no valor das persoas. Bieito salientou que «Pulido é un deses homes cheos de enerxía e vitalidade, fondamente implicado en todo o que acontece na nosa cultura, creador dun mundo único e singular cheo de caracochas, vellos conversando, mariñeiros, abismos, músicos, noites azuis, nenos no colo ou xentes nas fiestra albiscando a nada.» Dedicou Pulido o seu discurso a lembrar con emoción a súa relación con don Ramón, dende que o coñeceu aos trece anos nunha conferencia no seminario de Ourense, cando o apadriñou en 1972 na segunda exposición individual no Museo Arqueolóxico de Ourense («pinta como orballo, loce nas pinturas de Pulido un feitizo de mañá de primavera», dixera Otero), até os últimos días, cando no verán de 1975. orfo tras o pasamento da súa dona, fixo o retrato que preside o salón de actos do Pazo de Trasalba. Xornada inesquecible.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir