Onte 1292: Ramón Luis Acuña
Triste a nova do pasamento do xornalista ourensán Ramón Luis Acuña, con quen colaboramos na recuperación de Fírgoas, a obra do seu pai o poeta Manuel Luis Acuña. Correspondente en España durante moitos anos de Le Figaro, delegado da axencia EFE en París durante a Reforma Política, especialista en política internacional, director da cátedra UNESCO sobre Minorías, Nacionalismos e Culturas Transnacionais, Acuña foi outro dos grandes xornalistas galegos do século XX. Defensor dos valores da tolerancia e do diálogo, presentes no seu libro El deber de tolerancia, nas últimas dúas décadas batallou pola posta en valor da figura do seu pai, membro daquela xeración ATEO de mestres ourensáns que defenderon as luces da República. Hai uns días varios amigos da «causa Acuña» recibimos un correo seu no que celebraba o feito de localizar en Bos Aires un orixinal da primeira edición de Fírgoas. Deixounos unha lembranza saudosa.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir