Onte 1238: Os merdeiros consolídanse
Moi lonxe da parvada de Mario Vaquerizo da man de Abel Caballero, pregoeiros sen pregón diante de centos de persoas, o mellor do Entroido de Vigo deste ano é a consolidación da figura tradicional do merdeiro (ou escabicheiro) ruando polo Casco Vello. Tras a reivindicación desta máscara viguesa, citada por Xoaquín Lorenzo «Xocas» e Federico Cocho no seu libro O carnaval en Galicia, que fixemos hai catorce anos nas páxinas de Faro de Vigo, o merdeiro foi amodiño recuperando o seu espazo até converterse nunha figura recoñecible por todos. Na miña biblioteca conservo enmarcada unha fotografía dun dos primeiros merdeiros recuperados pola Asociación A Revolta, un agasallo que me fixeron os meus sobriños Isabel e Canis. Un pequeno tesouro etnográfico. Por ventura esta máscara viguesa prendeu no espírito do entroido popular, constituíndo unha tradición en proceso de aberta recuperación. Peliqueiros de Laza, cigarróns de Verín, pantallas de Xinzo, boteiros de Viana, troteiros de Bande, felos de Maceda, merdeiros de Vigo… Bo entroido!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir